A estratexia dixital é unha ferramenta moi estendida entre as grandes empresas, pero é importante que as pemes a adopten tamén para non perder competitividade. Esta foi a principal mensaxe trasladada por César González aos asistentes ao almorzo tecnolóxico celebrado hai uns días en Tecnópole, no que se insistiu na necesidade de implantar a dixitalización para aumentar as vendas e fidelizar clientes.
O CEO de Contact Comunicación expuxo os aspectos que se deben abordar para que o proceso sexa efectivo, o que inclúe un enfoque transversal que ha de implicar a todos os departamentos da empresa. O máis importante é a páxina web corporativa, o referente principal a nivel de imaxe de calquera empresa na actualidade, polo que, segundo González, é esencial que se contemple como “o epicentro de calquera estratexia comercial” e, en consecuencia, se coide con esmero.
Sobre os blogs, o experto subliñou que ha de utilizarse para compartir coñecemento tendo en conta o perfil do noso lector e respectando un ritmo de actualización coherente cos nosos obxectivos. “Un blog que non se actualiza dende hai ano e medio significa que a empresa está morta”, afirmou.
Polo que se refire ás redes sociais, recomendou non só publicar, senón interactuar para formar parte do ecosistema, e utilizar imaxes, ou mesmo mellor vídeos, sempre que sexa posible.
González insistiu na importancia de segmentar axeitadamente tanto no que se refire ás bases de datos como ao email mercadotecnia. Ademais, incluíu o posicionamento (SEO) e a mercadotecnia (SEM) en buscadores como un reforzo xa case indispensable da estratexia dixital aínda nas empresas máis pequenas.
Esta serie de almorzos tecnolóxicos enmárcase no obxectivo de Tecnópole de contribuír a promover activamente a competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. Este formato, de participación reducida, non só persegue a actualización de coñecementos sobre temas legais, administrativos, comerciais ou relativos a tendencias do mercado, senón que se concibe como un espazo de relación entre as empresas do Parque entre elas e con outras, xa sexa en termos de contactos comerciais ou para o inicio de proxectos de innovación conxuntos.
(Fonte: Tecnópole)