Dos 200 millóns que contempla a Xunta, o seu titular, Alberto Núñez Feijoo, precisou que 125 millóns proveñen de fondos públicos e 75 millóns de capital privado mobilizado. En total, constitúe máis do dobre de financiamento co que contou o sector no período 2012-2015, en concreto un 117% máis.
Feijoo especificou que neste último período se activaron 92 millóns de euros para apoiar á biotecnoloxía, centrados fundamentalmente nos proxectos de innovación empresarial apoiados por programas como o Conecta Peme, o Interconecta, as unidades mixtas de investigación e as distintas aceleradoras.
Tamén no apoio á compra pública innovadora, no apoio aos organismos de investigación, nos diferentes programas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e no seu financiamento mediante capital risco. Para este ano 2016, o investimento público-privado sitúase nos 37 millóns de euros.
O presidente destacou os avances rexistrados e tamén agradeceu as achegas coas que se elaborou a Estratexia, que contou coa colaboración de 66 axentes entre empresas, institucións e centros de investigación, e universidades.
Tres áreas
O documento prioriza tres áreas, empezando polo aproveitamento dos recursos nos que Galicia é “unha potencia” para “a obtención de alimentos antienvellecemento” ou “a xestión sustentable dos recursos marítimos”.
En segundo termo, aspira a facer máis competitiva a industria tradicional a través da innovación, aplicándoa ao sector lácteo ou á xestión sanitaria da industria animal; e valorizar o coñecemento en áreas de fortaleza competitiva, utilizando as novas tecnoloxías “para a medicina personalizada, a innovación aberta no descubrimento de fármacos e as tecnoloxías facilitadoras”.
Feijoo destacou que Galicia pon “moitas esperanzas” nesta folla de ruta. “O obxectivo é facer de Galicia un biopolo que creza en catro sentidos: con máis empresas e máis potentes, con máis oportunidades de negocio e con máis emprego cualificado”, concluíu.
O presidente destacou que Galicia xa é “unha das comunidades máis potentes de España neste sector”, como constata o feito de que o 2,11% de novas empresas que nacen en Galicia son biotecnolóxicas, o dobre da media española.
Ademais, é a cuarta comunidade con máis emprendemento no sector e representa o 5,1% do gasto público estatal en I+D+i biotecnolóxico.
(Fonte: El Correo Gallego)