A esperanza biotecnolóxica para anticipar e frear o Alzheimer chámase ‘Elisa’ e está en Tecnópole (Lincbiotech)

No Parque Tecnolóxico de Galicia podería estar a tecla definitiva para anticipar o Alzheimer, clave para frear a súa progresión irreversible. A empresa de biotecnoloxía Lincbiotech, nacida dunha escisión do Laboratorio de Neurociencias Clínicas (LINC) do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, está a un paso de comercializar un kit para a detección precoz desta enfermidade neurodexenerativa.

Chámase “Elisa” e é unha ferramenta deseñada especificamente por esta startup para localizar a proteína Tau aberrante no líquido cefalorraquídeo, explica o seu CEO Juan Sebastián Ruíz. A presenza desta proteína é indicativa do inicio dun proceso cerebral dexenerativo e o seu diagnóstico precoz é vital para retardar o seu avance e preservar a calidade de vida dos pacientes. Permite, ademais, salvar o escollo de distinguir o Alzheimer doutras demencias e afinar no tratamento.

Preto de 50 millóns de persoas en todo o mundo conviven co Alzheimer, máis ou menos o equivalente a toda a poboación española. E o impacto económico de tratalo non é menor para o sistema sanitario: 250.000 millóns de euros en 2017 só en Europa.

“O que chamamos kit Elisa céntrase en detectar proteínas mal encartadas en líquido cefalorraquídeo (LCR), o que permite o diagnóstico da EA mesmo na súa etapa subclínica”, explica Sebastián. Eses indicadores son a proteína Tau aberrante, que forma parte do citoesqueleto das células. Esta ferramenta biotecnolóxica está en fase de validación e regulación, un proceso lento, confuso e imprescindible para a súa comercialización a través da industria farmacéutica.

Detrás de LincBiotech hai un equipo de sete persoas repartidas entre o laboratorio de Santiago de Compostela e as oficinas de Tecnópole. Empuxando a esta compañía emerxente centrada no desenvolvemento de ferramentas innovadoras para o diagnóstico e tratamento de enfermidades neurolóxicas de alta prevalencia está a Universidade de Santiago e o capital dun grupo de investidores galegos con raíces en Ourense que poxaron por ter aquí o seu epicentro. Unha das súas liñas de investigación vai na dirección de poder detectar o Alzheimer no futuro a través dunha simple análise de sangue, cunha fórmula menos invasiva pero aínda pouco concluínte.

Lincbiotech patentou un software que localiza os trombos tras un ictus

O Alzheimer non é o único cabalo de Troia do cerebro contra o que batallan en Lincbiotech. Teñen no punto de mira o  ictus, igualmente relevante polos millóns de persoas aos que afecta e polo sufrimento físico e mental que carrexa. E para abordalo desenvolveron o “Kit Minerva”: un software propio de procesado avanzado das imaxes radiolóxicas dun cerebro afectado por un ictus e que extraen da nube e procesan a petición dos facultativos. Permítelles localizar o trombo e achegar información clave para que valoren a severidade do accidente cerebral, visualizar as zonas danadas e as que poderían ser recuperables coa intervención. Unha lanterna para navegar nas profundidades da mente e abrir vías de luz.

Fonte: El Confidencial