A española Smartive, premiada como a peme máis innovadora de Europa

Smartive, unha empresa emerxente de nova creación de Barcelona que desenvolve plataformas intelixentes para mellorar a eficiencia da xeración eólica, foi galardoada co premio New Horizon á peme máis innovadora na Conferencia da European Enterprise Network deste 2016.

Smartive foi merecedora do recoñecemento pola súa solución avanzada de procesamento de datos económicos baseada na nube e que, en tempo real, diagnostica avarías e problemas de rendemento dos aeroxeradores. O software proporciona aos usuarios un doado acceso á información eólica a través de dispositivos intelixentes como teléfonos móbiles e tablets.

Entre os plans de futuro da empresa, figura ampliar a tecnoloxía con ferramentas de comunicación melloradas, aumentar a capacidade de sincronización de datos dende múltiples dispositivos e procesar máis información. Smartive tamén está a desenvolver unha solución que programará cambios non planificados nas operacións e prevé aumentar a produtividade dos parques eólicos máis dun 10%. Este incremento produtivo implicaría unha mellora da facturación de 70 millóns de euros nas empresas da Unión Europea e de 200 millóns en todo o mundo.

Apoio financeiro

Smartive está financiada por InnoEnergy Highway, un programa que avala a empresas emerxentes para que poidan conseguir bos resultados a nivel comercial. InnoEnergy, o motor da innovación para a enerxía sustentable en Europa, investiu un total de 110.000 € en Smartive e está a proporcionar servizos de orientación e contactos no sector da enerxía eólica en todo o continente.

Actualmente, a plataforma está a axudar a Smartive a internacionalizar as actividades comerciais, centrándose en Alemaña, o Reino Unido e América do Norte. “O respaldo de InnoEnergy Highway impulsou Smartive cara ao éxito. Este premio demostra o enorme potencial das solucións da empresa xa que se aceleraron os procesos de comercialización”, explica Josep Miquel Torregrosa, responsable de creación de empresas de InnoEnergy Iberia.

Smartive está a aproveitar un mercado mundial enorme. Segundo a Axencia Executiva da Comisión Europea para as pemes, as avarías de turbinas custan á industria ao redor de 700 millóns de euros en Europa e 2900 millóns a escala mundial. Esta suma triplícase cando se incorporen os custos de operación.

A entrega do premio realizouse no marco dunha cerimonia celebrada en Bratislava, capital de Eslovaquia. Smartive recibiu o New Horizon de mans da eurodeputada estoniana Kaja Kallas, conxuntamente con Kristin Schreiber, directora de política para pemes e do programa de competitividade para empresas da Comisión Europea.

Jordi Cusidó, director xeral de Smartive, apunta que “o sector eólico está a perder beneficios substanciais. A nosa solución pode axudar a fortalecer as perspectivas financeiras da industria. Nestes tempos de economía desfavorable, o único xeito de facer rendible a xeración de enerxía eólica é mellorar a eficiencia dos procesos operativos e de mantemento. Precisamente, a solución que proporcionamos dende Smartive”.

(Fonte: InfoPyme)