A eólica será a principal fonte de electricidade en España en 2021

A enerxía eólica acabou o ano como a primeira fonte de electricidade en España. O vento supera así á nuclear na matriz eléctrica nacional por primeira vez desde 2013, o único exercicio de toda a serie histórica no que os aeroxeradores foron a principal tecnoloxía de xeración. Aquel ano, especialmente bo no que a recurso eólico se refire, a nuclear viuse afectada polo peche da central de Garoña. Desde entón, con todo, a eólica non deixou de medrar, nin en termos absolutos nin en termos relativos (como porcentaxe sobre o total de enerxía xerada), unha tendencia que seguirá nos vindeiros tempos.

O fito é o aperitivo do que está por vir. “A eólica vai dominar no sistema eléctrico español durante moito tempo”, resume Francisco Valverde, consultor de Menta Energía. Segundo o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (Pniec), lanzado polo Goberno en 2020, a potencia instalada de aeroxeradores case se duplicará de aquí a 2030. Nese período, o ritmo de crecemento da solar fotovoltaica será aínda maior (a potencia instalada cuadriplicarase con creces), até converterse na segunda fonte de xeración máis importante, pero aínda lonxe da eólica mesmo se se engade a achega da termosolar.

A potencia nuclear instalada baixará, pola súa parte, a menos da metade do seu nivel actual. E tanto o ciclo combinado (as centrais alimentadas con gas natural) como a hidráulica manterán o seu peso nunha matriz na que desaparecerá por completo o carbón.

Ademais, o incremento na xeración eólica e solar fotovoltaica en 2021 achega ao conxunto de todas as renovables á metade da torta de xeración: achegarán, conxuntamente, preto do 47%, segundo a última actualización de Rede Eléctrica de España (REE). Todo, a pesar de que a xeración hidráulica se viu mermada pola menor dispoñibilidade de auga nalgunhas concas.

Hai unha década as renovables achegaban menos da terceira parte da electricidade que se consumía en España. “Hoxe”, referenda Francisco Valverde, da consultora Menta Energía, “o lóxico e o que dá diñeiro son as renovables”. Pese ao recente rexurdir da nuclear no debate público, di, esta só é viable se leva aparelladas “subvencións importantes”.

Fonte: El País