A eólica mariña apunta á área de Vigo para instalar parques

O sector eólico mariño ten identificadas tres zonas nas costas galegas con moitas posibilidades para instalar a curto prazo (entre cinco e oito anos) parques offshore e unha delas estaría na área de Vigo. É a de Valmiñor-Atios, concretamente entre Oia e a desembocadura do Miño (Atios sería o punto de conexión eléctrica) que, a priori, ofrecería “un potencial moi relevante” cunha gran superficie dispoñible, un polo de consumo relevante en Vigo, O Porriño e norte de Portugal polo gran peso que ten a industria e porque non hai demasiadas zonas pesqueiras sensibles que puidesen interferir na actividade. Ademais, a proximidade do norte luso, onde se está a desenvolver un polo eólico mariño, suporía unha oportunidade de colaboración. Así se desprende do estudo presentado polo Galician Offshore Energy Group (GOE), impulsado por Asime, sobre as posibilidades que ten a comunidade no desenvolvemento desta industria que consideran compatible coa pesca e a acuicultura.

As outras dúas zonas sinaladas polo sector son as de Mariña-Xove en Lugo e Langosteira-Sabón na Coruña, que, xunto coa do sur de Galicia, suporían a creación de entre 1000 e 5000 empregos de alta cualificación até 2030, 17.000 GW anuais e un efecto tractor en toda a cadea de valor con máis de 200 empresas, centros tecnolóxicos e universidades. E tamén dar impulso a un sector que non está presente en Galicia máis que con empresas que traballan fóra. Porque na comunidade non hai ningún parque eólico instalado no mar (nin sequera proxectados) e tampouco en España, mentres que en Europa hai 12 países con 69 parques e 5000 xeradores en funcionamento con Reino Unido, Alemaña, Bélxica e Holanda como referentes xunto cos nórdicos.

“Temos un recurso natural moi valioso e supón unha grande oportunidade para todo o ecosistema social e económico. Non debemos deixar de pasar esta oportunidade”, apunta o presidente de Asime, Justo Sierra. Un discurso que tamén comparte o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, que destacou a “responsabilidade común de todos para ver as capacidades desta enerxía a nivel enerxético e industrial, dous vectores de competitividade para o futuro de Galicia”, resolveu.

Offshore fóra de zonas de pesca e áreas protexidas

“A pregunta non é se debemos implantar a eólica mariña, senón onde e como”, sinalan os autores do informe elaborado por GOE-Asime acerca dunha industria clave para afrontar os retos que se presentan como a redución da dependencia enerxética doutros países, abordar o incremento no consumo eléctrico que se espera nos vindeiros anos coa electromovilidade e contribuír á descarbonización.

O documento técnico analiza en detalle o potencial das costas galegas para acoller parques offshore sen perder de vista as restricións que suporían outras actividades como a pesqueira. Así, o estudo recolle un cartografiado de zonas sensibles que se descartarían como as de acuicultura e pesca, zonas de especial protección para as aves, rutas de transporte marítimo, recreativas ou de patrimonio, entre outras. “A instalación de parques eólicos mariños en Galicia é viable até os 38 quilómetros de costa, sendo sempre prioritaria a instalación a partir de 8 quilómetros para evitar a visibilidade desde terra”, indica Pedro Pérez, asesor técnico do GOE.

Este estudo supón a base para desenvolver a enerxía offshore en Galicia, que dependerá da ordenación dos espazos marítimos por parte do Goberno e que, en todo caso, non sería unha realidade até dentro de varios anos, entre cinco e sete para normativas e dous máis para a instalación.

Fonte: Atlántico Diario