A eólica eleva un 14 % a súa contribución á economía ata os 4.073 millóns

O sector eólico contribuíu con 4.073 millóns de euros á economía española no 2019, un 14 % máis con respecto ao exercicio anterior, e xerou 29.935 empregos, un 25 % máis, segundo os datos do estudo macroeconómico do impacto do sector en España, elaborado pola consultoría Deloitte para a Asociación Empresarial Eólica (AEE).

O negocio do vento supuxo un 0,35 % do PIB. O 2019 foi un ano extraordinario para o sector, pois instaláronse 2.243 megawatts, unha cifra que representa o maior crecemento desde o 2009. En toda España hai instalados 25.727 megawatts eólicos, o 24 % do total. O estudo revela que as exportacións do sector nos últimos oito anos sumaron 20.120,6 millóns, mentres que as do 2019 sumaron 2.062,4 millóns. Nese sentido, España foi o terceiro maior vendedor do mundo de aeroxeradores, só superado por Dinamarca e Alemaña.

Pola súa parte, a eólica aforrou a importación de 10,5 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (teps), valoradas en 1.819 millóns, mentres que en termos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, no período 2012-2019 evitouse a emisión de 210 millóns de toneladas de CO2.

O sector eólico prevé a incorporación de dez gigavatios de potencia nova até o 2024, mediante poxas, a repotenciación de até cinco gigavatios até o 2025 e a mobilización de máis de 2.500 millóns de euros en investimentos anuais de media até o 2024.

Deloitte elaborou tamén un estudo de impacto económico do negocio en Galicia. Nese caso, o sector deu emprego o ano pasado a 7.022 traballadores e contribuíu con 582 millóns ao PIB galego, o 0,9 % de toda a riqueza da comunidade.

Fonte: La Voz de Galicia