A eólica bateu un récord de xeración en 2020 en Galicia

A eólica marcou en 2020 un ano de récord en Galicia ao alcanzar unha xeración de 9992 gigavatios/hora (GWh), un rexistro que bate a que até agora era a mellor marca, alcanzada en 2013, cando os aeroxeradores produciron 9498 GWh. Con esta evolución, o aproveitamento do vento foi a primeira fonte de xeración ao achegar o 40,7% do total, un cociente que alcanzou o 75,7% ao sumar todas as fontes limpas, segundo o balance de 2020 elaborado por Rede Eléctrica de España.

Dos encoros saíu o 32,2%, en tanto que a coxeración achegou o 9,2%. Do seu lado, os ciclos combinados de gas xeraron o 9% da electricidade, un cociente que se reduciu ao 5,4% no caso do carbón, que cun mínimo de 1344 GWh confirmou un ocaso que se consumará co peche da térmica das Pontes.

Cobertura

Con esta base, a eólica cubriu o 57,5% a demanda eléctrica equivalente, un cociente que se eleva ao 107% ao sumar o resto de fontes limpas. Con esta produción, a Asociación Eólica de Galicia (Ega) destacou que o aproveitamento do vento tivo «un claro reflexo» no prezo da electricidade, que foi «o máis baixo dos últimos 17 anos» ao abaratarse preto dun 30% con respecto ao ano 2019.

Ante un balance enerxético «sen dúbida favorable», a patronal eólica constata que, con todo, queda «un longo camiño» por percorrer no desenvolvemento desta fonte para contar con «un modelo enerxético limpo e sustentable». Ampliando as miras máis aló da produción eléctrica, isto é, ao conxunto da enerxía -incluíndo o petróleo, o gas e o carbón- a Ega constata que «a participación das renovables é aínda testemuñal», o que é sintomático de que España segue a ser «moi contaminante» e dependente do exterior.

O propio Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constata que o 80% da enerxía primaria da comunidade impórtase do exterior a través de combustibles fósiles. É por iso que a Ega chama a incrementar a xeración renovable e a «electrificar tanto o transporte como os usos térmicos» nun escenario no que, de momento, a electricidade só supón o 30% do consumo enerxético en Galicia.

Fonte: El Progreso