A empresa tecnolóxica Primux, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia e dedicada ao desenvolvemento de computadores, portátiles, tablets, smartphones, cámaras e accesorios diversos, superou de maneira moi positiva o complexo ano da pandemia.
A crise mundial provocada pola COVID-19 tivo un impacto desigual nos mercados e determinados sectores víronse moi favorecidos polos cambios nos hábitos de consumo e a aceleración na adopción dos avances en tecnoloxía. As restricións ao lecer e o confinamento (que motivou a imposición masiva do teletraballo) impulsaron radicalmente o negocio das empresas de produtos tecnolóxicos: en 2020 viviuse un auxe sen precedentes na renovación de equipos como ordenadores, tablets ou accesorios para o xogo.
Unha tendencia que rexistraron os grandes da industria mundial, e que tivo o seu reflexo en España, onde só a venda de computadores subiu un 27% o pasado ano. Hai que remontarse a 2010 para acceder a datos de crecemento comparables, e aqueles quedaron no 13,7%.
Primux, fabricante de equipamento informático e tecnoloxía `honesta´, surfeou esta onda na mesma liña que o sector, conseguindo o pasado ano un aumento da facturación do 20%. Con este crecemento sitúase tamén como o líder español no sector de fabricación de dispositivos informáticos con sistema operativo Windows. A finais de 2020 Primux estaba xa presente ademais nos verticais dos sellers máis potentes do sector en España, como Amazon, El Corte Inglés, Carrefour ou Media Markt.
A compañía encara agora o segundo semestre do ano con ese impulso cara ao crecemento que sinalou o camiño da pandemia. O seu CEO, Daniel Rodríguez, amósase moi optimista con permanecer “en cocientes de crecemento similares a 2020. Iso tendo en conta que seremos capaces, grazas á nosa política de reservas e almacenamento, de evitar roturas de stock que o ano pasado afectaron a moitos fabricantes e que Primux apenas notou por ese motivo”.
Fonte: Tecnópole