Primux é unha empresa galega dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxía accesible, con máis de quince anos de traxectoria na fabricación de ordenadores, portátiles, tablets, smartphones, cámaras e accesorios informáticos diversos. Con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, acaba de lanzar ao mercado os seus novos ordenadores gaming Lynx e Draco. Reforza así a súa aposta por ámbitos cunha importancia crecente na actualidade: a intelixencia artificial, a realidade virtual e o gaming de competición. Ademais, a compañía busca seguir ampliando a súa gama de produtos e mellorando o ritmo de fabricación, confiando sempre no talento galego.
“Os avances informáticos das últimas décadas e as novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial e a realidade virtual, están a mellorar as nosas vidas en moitos aspectos, pero esixen tamén equipos potentes que sexan capaces de realizar operacións cada vez máis complexas” -sinala Daniel Rodríguez, CEO da empresa-. Así, Primux avanza no deseño de equipos que cumpran con todas as necesidades que requiren estas altas tecnoloxías.
Equipos preparados para soportar altos fluxos de traballo e procesos complexos de forma fluída
“Os equipos de Primux utilizan compoñentes de gran calidade ideados para soportar altos fluxos de traballo e procesos complexos de forma fluída. Contan con procesadores de alto nivel para xestionar a enorme cantidade de datos que se crean e analizan, unha GPU (unidade de procesamento gráfico) enfocada ao procesamento de toda a información visual xerada e unha memoria RAM que se centra en ofrecer tanto unha boa experiencia executando aplicacións complexas como administrando todas as operacións que teñen lugar en segundo plano. A isto sumarase un almacenamento de última xeración para que o computador funcione á perfección e execute programas de alto rendemento sen presentar ningún problema” -explican os responsables da empresa-.
Para lograr esta adaptación aos novos tempos, Primux buscará mellorar o ritmo de traballo coa finalidade de poder producir os seus novos equipos de altas prestacións coa marca “made in Spain”. Deste xeito, a intención da compañía é “abandonar Asia na medida do posible, buscando que o 70% do proceso de fabricación se realice en territorio nacional”. A empresa quere “avanzar ao mesmo tempo que o fan as necesidades do mercado actual para estar preto dos usuarios e axudarlles no seu día a día” -sinalan-.
Os seus dispositivos máis recentes, Lynx e Draco, son ordenadores de sobremesa que están preparados para introducirse no mundo das novas tecnoloxías e axudar a que cada usuario goce ao máximo a súa experiencia no mundo gaming. Con todo, este non é o primeiro contacto que ten a empresa galega co eido dos videoxogos e os gamers, posto que levan anos deseñando tanto ordenadores como portátiles para este sector, ademais de fabricar portátiles, Mini PCs e dispositivos para a vida académica e profesional.
Fonte: Tecnópole