A empresa Primux doa vinte ordenadores portátiles para os nenos de Xinzo de Limia

A empresa tecnolóxica Primux, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, segue a colaborar cos centros educativos nesta situación de crise sanitaria. A finalidade é que o alumnado poida seguir cos seus estudos desde a casa.

A firma doou vinte ordenadores portátiles ao Concello ourensán de Xinzo de Limia. Así, os rapaces e rapazas que non dispoñen de ordenador poden realizar as súas tarefas escolares online.

A doazón foi xestionada directamente pola alcaldesa, Elvira Lama, ante o temor de que puidera haber estudantes que carecesen deles nos seus fogares para a realización das tarefas que lles remiten os centros. Lama agradeceu aos responsables da firma, que tamén custearon os portes, o seu xesto de solidariedade.

Fonte: Tecnópole