O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” poñíase en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Na primeira edición participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade, entre elas a pontevedresa Coverwind Solutions, firma de servizos asociados a parques eólicos e aeroxeradores, englobando todas aquelas actividades colaterais á instalación de aeroxeradores, que buscaba incrementar a súa proxección internacional.
Coverwind ofrece servizos de asistencia técnica en calquera lugar do mundo. En concreto trátase da prestación de servizos cualificados dentro do sector eólico como control loxístico en cargas e descargas en porto; avaliación global de todos os compoñentes mecánicos e eléctricos do aeroxerador, determinando o grao de seguridade e operatividade do mesmo, reducindo o risco de avaría; reparación de compoñentes eólicos, montaxe e mantemento; inspección de calidade e seguridade; remates finais e limpeza de aeroxeradores; mantemento de parques…
Preto do 90% da súa cifra de negocio procede dos mercados internacionais. Nesta liña, a empresa conta con filiais en Francia, Marrocos e Brasil e ten traballado en moitos outros mercados da maioría dos continentes. Agora buscan instalarse en países do norte de Europa, ademais dos Estados Unidos e Canadá.
Fonte: Tecnópole