A empresa Merasys, apoiada por Connect-19, desenvolve un sistema que controla a temperatura corporal e o uso de máscara en lugares transitados

Merasys nace en 2016 como unha iniciativa empresarial de base tecnolóxica a través do programa de aceleración Business Factory Auto da Xunta de Galicia. Desenvolve tecnoloxías facilitadoras baseadas en machine learning e intelixencia artificial aplicadas a procesos industriais, redes eléctricas intelixentes, cidades smart e sector sanitario. Para iso, combina os principios das redes neuronais con sensores sofisticados, electrónica de vangarda e software de última xeración, creando instalacións de alto rendemento e plataformas tecnolóxicas.

Foi unha das 20 pemes seleccionadas para o programa Connect-19, a aceleradora de empresas especializada na comercialización de solucións innovadoras fronte ao impacto da COVID-19, impulsada pola Xunta e o Parque Tecnolóxico de Galicia. Merasys puxo en marcha Cormorán, un sistema de control de acceso cuxo obxectivo é previr contaxios en lugares moi transitados, permitindo manter a actividade con todas as garantías de seguridade.

Trátase dunha tecnoloxía 100% galega que combina visión artificial, redes neuronais e machine learning para controlar a temperatura corporal e a presenza de máscara en cara, evitando destinar persoal a estes traballos e os posibles riscos. O equipo dispón de cámara de visión artificial e sensor de temperatura sen contacto de alta precisión, xa empregado a nivel industrial e cuxo tempo de resposta é menor que os sensores de contacto.

O uso de redes neuronais artificiais e os sistemas de aprendizaxe melloran a fiabilidade e a precisión no control. Obtense a temperatura corporal real a partir da corrección da temperatura superficial mediante algoritmos de intelixencia artificial. É un sistema moi versátil xa que se adapta a diferentes contornas, tanto industrial como sanitaria, educativa, de servizos e lecer, ademais de ser apto para interior e exterior.

Este sistema cumpre a lei de protección de datos de carácter persoal, posto que non almacena imaxes, senón que as procesa instantaneamente e ofrece un resultado inmediato. “Ao ser un desenvolvemento propio abaratamos custos e ofrecemos o último en tecnoloxía anti-Covid a un prezo razonable” -sinala Carlos Parrilla, responsable de Desenvolvemento Tecnolóxico da empresa-. Indica ademais que comparado con solucións similares que existen en Estados Unidos, Cormorán ten un prezo máis accesible de ao redor de 4.000 euros, menos da metade dos prezos da competencia.

“O programa de aceleración Connect-19 foi unha grande oportunidade para reforzar o noso posicionamento innovador e mellorar aspectos como a comercialización e mercadotecnia do produto, para facer ver a súa utilidade en centros comerciais, supermercados e edificios públicos, ademais de centros fabrís” -destaca Parrilla-.

Fonte: Tecnópole