A empresa Gerifarma comercializa máscaras de tea para nenos e adultos sostibles e ecolóxicas, a partir de fibra vexetal. Este proxecto está integrado no programa Connect-19, impulsado por Tecnópole e a Xunta de Galicia, unha aceleradora de pemes innovadoras especializada na comercialización de solucións fronte á COVID-19.
Estas máscaras hixiénicas son reutilizables e biodegradables, aptas ademais para peles sensibles. “Empregamos unha fibra sostible, producida de forma ecolóxica a partir de madeira procedente de agricultura sostible certificada. É un material apto para uso en peles sensibles, biodegradable e compostable”, explican desde a empresa. Aseguran que este material ten “capacidades superiores” para reducir o crecemento de bacterias sen aditivos químicos e segue un proceso AMS específico que incrementa a repelencia do tecido ás salpicaduras. A goma tamén ten o seu propio certificado, xa que, ademais da protección, a empresa aposta por materiais eco-friendly.
As máscaras están confeccionadas nun taller de maneira artesanal cun tecido 100% vexetal e, como é un residuo orgánico, pódense someter a un proceso de compostaxe. Mentres que unha máscara cirúrxica tarda entre 300 e 400 anos en degradarse, estas poderían facelo en menos dun ano -tal como aseguran desde a firma-. Cando chega a hora de refugalas, poden depositarse nun contedor marrón ou de compostaxe, converténdose en abono co paso do tempo.
Sen químicos, aptas para peles sensibles
Ademais de non deixar pegada no medio ambiente, este produto non ten ningún tipo de químico, polo que resulta apto para peles sensibles. Porque ter a cara cuberta durante moito tempo está a xerar problemas de pel nalgunhas persoas. É o que se coñece como “ maskné” ou acne causada polo uso das máscaras. No caso destas máscaras biodegradables, o feito de que sexan o resultado dun proceso natural fai que sexan recomendables para persoas con peles sensibles.
“Moitas máscaras teñen unha capa de antibactericida a base dalgún químico, dun derivado do petróleo. A nosa máscara, a pesar de non ter ningún tipo de químico, protexe igual porque cumpre con todos os parámetros da industria”, aseguran desde a empresa. Indican que esa ausencia de químicos é a que axuda a que se poida biodegradar.
Fonte: Tecnópole