O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” poñíase en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Na primeira edición participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade, entre elas a ferrolá Galaicus Fintech.
Un produto con moito potencial en países de Latinoamérica e Estados Unidos
Galaicus é unha firma do sector fintech, é dicir, que emprega a tecnoloxía para mellorar ou automatizar servizos e procesos financeiros. Nace en 2017 pola necesidade de crear fontes de financiamento alternativo ante a crecente concentración do sector financeiro e o risco de exclusión financeira de parte das empresas do noso país. Ofrece unha plataforma tecnolóxica que permite ás empresas acceso a financiamento mediante a venda das súas facturas por cobrar, así como unha solución para que poidan dixitalizar o financiamento da súa cadea de provedores.
Desde a firma destacan que o sistema financeiro actual non é capaz de responder plenamente ás necesidades de financiamento das pemes, posto que o período medio de pago en España supera os 94 días, unido ao feito de que tan só o 42% das facturas se pagan dentro do prazo acordado. Así, as plataformas desenvoltas por Galaicus permiten ás empresas diversificar as súas fontes de financiamento, dunha maneira rápida, áxil e sinxela sen esixir garantías reais ou a contratación doutros servizos e produtos bancarios, como o caso dos seguros.
Este modelo de negocio “dixital” permítelle á empresa operar desde Galicia en calquera outro país sen necesidade de presenza física nos devanditos mercados. Trátase de produtos con alto potencial en mercados exteriores, en particular nos menos desenvoltos respecto de Europa, como en países de Latinoamérica ou Estados Unidos, onde non é tan asiduo o financiamento a través de bancos.
Fonte: Tecnópole