Errecé Láser (Santiago de Compostela) é unha empresa familiar de terceira xeración cunha historia industrial de máis de 80 anos. Nesta traxectoria teñen traballado en diversos sectores, como son o de fabricación de maquinaria agrícola, produción de compoñentes metálicos e, máis recentemente, o maior impulso que están a realizar é cara á oferta de solucións de embalaxe metálica para a industria automotriz.
“Desde hai máis de 20 anos fornecemos de pezas seriadas ao sector do automóbil. Foron estes clientes, multinacionais de primeiro nivel que coñecen as nosas capacidades desde hai tempo, as que nos invitaron a enviarlles, ademais das pezas, os contedores onde lles chegaban as mesmas. Así empezamos a desenvolver esta nova familia de produtos, que nos últimos anos está a acadar cada vez máis presenza na nosa facturación”, explica Xan Rey, responsable de proxecto da empresa.
“Estamos promovendo o crecemento na produción de contedores tanto estándar coma específicos e para iso levamos tempo promocionando a nosa presenza en mercados exteriores. Participamos como expositores en numerosas feiras internacionais, sobre todo en Alemaña, que é o noso mercado obxectivo”, explica Rey. A este esforzo, súmase a recente apertura dunha oficina comercial en Colonia (Alemaña) para poder estar máis preto dos centros de decisión dos seus clientes, e que son os subministradores das grandes plantas de ensamblaxe como Stellantis ou Volkswagen.
Errecé Láser foi unha das empresas beneficiarias do programa “Galicia Avanza”, a aceleradora promovida pola Xunta de Galicia desde Tecnópole, precisamente movidos polo interese de posicionar esta nova liña de produtos noutros países e acelerar a transición para que, tanto os actuais coma os potenciais clientes, os coñeceran como subministradores de embalaxes. “Coa axuda e asesoramento do programa, adaptamos a nosa imaxe corporativa aos mercados internacionais, incorporamos persoal específico centrado en traballos de exportación, renovamos a páxina web, iniciamos campañas de promoción nas redes e incorporamos tecnoloxías de seguimento nos contedores”, enumera.
A innovación ten un papel fundamental en Errecé Láser, que tamén aplican a esta nova liña de produtos. “Para ofrecer solucións de embalaxe a problemas concretos debemos ofrecer alternativas de localización xeográfica de contedores, a identificación electrónica da súa carga ou mesmo o uso de materiais máis resistentes e lixeiros. A innovación constante é a que nos permite continuar nesta liña”, conclúe Xan Rey.
Fonte: Galicia Empresa