O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” poñíase en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Entre as empresas participantes na primeira edición está Ecoplas Barbanza, que nace en 2005, focalizándose primeiro na fabricación de mallas extruídas destinadas principalmente ao cultivo e envasado de marisco.
Nestes anos Ecoplas Barbanza logrou entrar no mercado europeo e en breve farao no norteamericano. En 2020 e 2021 as mallas biodegradables e compostables supuxeron entre o 10 e 15% da súa facturación, ao redor do 90% en Centroeuropa. A empresa foi incrementando as súas cifras ano tras ano, case triplicando o volume de exportación desde 2018 a 2021.
Nestes intres buscan impulsar a internacionalización da súa gama Netcycle, mobiliario e produtos de deseño sostibles e funcionais creados a partir de plástico reciclado; en particular nos países do norte de Europa como Bélxica, Holanda, Alemaña, Dinamarca…, por tratarse de sociedades máis comprometidas co medio e co deseño de vangarda.
O plástico que usan na fabricación destes produtos procede tanto dos desperdicios que xera a empresa nos seus procesos produtivos como doutras empresas. O produto é, ao mesmo tempo, un material de construción, de xeito que pode empregarse na creación de espazos interiores ou stands para feiras, mesmo como material illante para fachadas.
Fonte: Tecnópole