A empresa Demsu regala pantallas protectoras a todo o alumnado de de Mos, unha iniciativa financiada polo programa Connect-19

O Parque Tecnolóxico de Galicia e a Xunta de Galicia poñían en marcha no mes de xullo o programa Connect-19, unha aceleradora de 20 pemes innovadoras galegas especializada na comercialización de solucións fronte á COVID-19. Entre estas pemes atópase a empresa Demsu -Deseño e Modelado de Superficies-, con sede na localidade pontevedresa de Mos.

Demsu, dedicada ao sector da automoción, apostou por unha nova liña de negocio con motivo da actual crise sanitaria, o desenvolvemento de equipos de protección individual (EPI). Isto permitiulles entrar no programa Connect-19, en concreto co deseño dunha máscara que protexe toda a superficie facial. “Demsu 2020 é unha máscara de protección diferente ás fabricadas até o momento, xa que ofrece unha protección total contra salpicaduras de toda a superficie facial ao cubrir de oído a oído” -sinalan desde a empresa-.

Coincidindo co inicio do curso escolar, a empresa fixo entrega destas pantallas protectoras a todos os estudantes de educación Infantil, Primaria e Secundaria do concello de Mos, unha iniciativa financiada en parte desde o programa que promove Tecnópole. Así, repartíronse un total de 1.800 de máscaras entre o alumnado e profesorado dos cinco centros educativos do municipio.

As máscaras fabricadas por Demsu naceron no seu propio laboratorio de I+D e cumpren todas as condicións sanitarias e de calidade, garantidas pola normativa europea UNE 166:2002. Estas fabrícanse en varias cores para facilitar os grupos burbulla ou de traballo, e dispoñen de versións para público adulto e infantil.

As pantallas protectoras destacan ademais pola súa elevada comodidade, xa que o peso resulta mínimo e o agarre á cabeza é dobre, pódense lavar con auga e xabón e non se empañan. Estas pantallas, ademais da parte frontal da cara, chegan até os oídos, o que incrementa a protección. A distancia de separación da cara e as súas diademas axustables tamén permiten unha sinxela manipulación das mesmas.

Fonte: Tecnópole