A empresa de Tecnópole Quobis Networks celebrará o seu primeiro ‘webinar’ o próximo 7 de outubro

A empresa TIC Quobis Networks, que ten o seu laboratorio técnico no Centro de Empresas e Innovación de Tecnópole, celebrará o seu primeiro ‘webinar’ (presentación tecnolóxica on-line) o próximo 7 de outubro. O encontro virtual tratará sobre a aplicación das tecnoloxías WiMAX Mobile a redes profesionais.

WiMAX é unha tecnoloxía de comunicacións sen fíos que mellora e complementa as capacidades da tecnoloxía WiFi, de forma que é capaz de prover de conectividade internet en grandes áreas de cobertura.

No ‘webinar’, segundo explica Iago Soto, director de mercadotecnia da empresa, "trataremos dende un enfoque técnico pero introdutorio as características da tecnoloxía WiMAX en comparación con outras tecnoloxías de mobilidade como Tetra, 3 G, etc." O obxectivo é presentar WiMAX como a tecnoloxía idónea para usos profesionais (redes de policía, seguridade/emerxencias, transportes públicos, etc.), superando os usos tradicionais de dar acceso a internet en zonas rurais ou similares.

O evento tecnolóxico on-line, un formato moi estendido en Estados Unidos pero que en Europa aínda é incipiente, terá lugar ás cinco da tarde e durará ao redor dunha hora. Esta modalidade permite acceder á audiencia dende unha conexión a internet convencional e, polo tanto, sen custos de desprazamentos, vendo a presentación e recibindo o audio da conferencia directamente dende a web. Dende Quobis Networks, que se estrea neste tipo de eventos, enténdese "que isto será unha aposta da nosa empresa para acceder a novos mercados", expón Soto.

A elección do horario débese á vocación internacional da presentación, na que espera a internautas sudamericanos, dado que a empresa está especialmente ben posicionada neste mercado, "onde traballamos no deseño de redes e temos algunha solución innovadora, como unha que permite a transmisión de video en mobilidade orientada á videovixilancia móbil", engade o responsable de mercadotecnia de Quobis.

A información sobre o evento está dispoñible en www.quobis.com.

Quobis

Quobis Networks é unha empresa privada galega de enxeñería de telecomunicacións, que presta servizo a operadores, administracións públicas e grandes empresas no ámbito das novas redes de comunicacións. Quobis dispón dun equipo técnico de enxeñería, implementando solucións chave en man co apoio dos fabricantes líderes para prover de servizo e soporte os seus clientes. A empresa ten as súas oficinas centrais no Porriño (Pontevedra), un laboratorio técnico en Tecnópole (Ourense) e unha delegación comercial en Alcobendas (Madrid.).