Navia 3D é unha startup que con apenas seis meses de traxectoria aporta a sectores moi diversos solucións baseadas na virtualización e no deseño 3D. Con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- e en Ribadavia, foi galardoada na IX edición dos premios Incuvi Emprende da Universidade de Vigo. Especialistas en achegar as novas tecnoloxías ao ámbito patrimonial e cultural, os seus desenvolvementos permiten crear proxectos aforrando custos e tempo.
Un dos eidos nos que traballa a empresa, integrada por un equipo multidisciplinar de profesionais -enxeñeiros industriais, historiadores, arqueólogos analíticos e deseñadores 3D- é a virtualización do patrimonio. Así, mediante o deseño en 3D crean reconstrucións e recreacións sobre a base da investigación histórica e arqueolóxica. “Pódense realizar percorridos virtuais nun contorno no que é posible desprazarse e interactuar. Tratamos de amosar un espazo real ou reconstruído de xeito interactivo para múltiples usos” -sinala unha das responsables da empresa, Rita Pérez, virtualizadora e arqueóloga analítica-.
Modelos 3D fieis á realidade
Por outro lado, a través da fotogrametría, a firma é capaz de dixitalizar de maneira precisa calquera elemento. Esta técnica permítelles obter modelos 3D fieis á realidade a partir de fotografías realizadas tanto por cámaras como por drons. Emprégana para usos moi dispares. É o caso da igrexa de San Xes de Francelos, en Ribadavia, que pode desfrutarse escaneando o código QR do panel informativo e así acceder a un modelo en 3D da propia igrexa que ofrece información adicional e interactiva.
De cara a ofrecer solucións técnicas, a empresa tamén botou man desta ferramenta para a toma de medicións na igrexa de Santo Domingo de Ribadavia -monumento BIC-, que permitiu aos arquitectos encargados do seu proxecto de conservación e restauración optimizar o seu traballo, facilitar a análise, crear planos e efectuar cálculos con moita maior rapidez.
A empresa presentou a súa candidatura á incubadora High Tech Auto de Galicia
No campo do deseño en 3D, a empresa proporciona solucións profesionais para diferentes sectores, personalizando todo tipo de produtos. Isto contribúe a un notable aforro de tempo e de custo económico grazas á personalización e ao realismo dos resultados. Entre os seus últimos traballos están as representacións 3D realistas (Renders) de espazos de cociña con encimeras de pedra que levarán cociñas de alta gama francesas.
Na actualidade están a lanzar un novo servizo, os configuradores 3D, que permitirán aos usuarios previsualizar nun modelo 3D de forma moi realista como será o seu produto, podendo elixir tanto acabados como materiais, engadindo o prezo segundo a configuración seleccionada. Sectores como o da construción, arquitectura, interiorismo, ata o automobilístico ou o da moda xa poden beneficiarse del.
En relación ao campo do motor, presentaron a súa candidatura á incubadora High Tech Auto de Galicia, que fomenta a innovación e a transferencia de tecnoloxía ao sector da automoción e ao sector auxiliar de compoñentes. Tamén realizaron un prototipo de batería eléctrica, tanto en modelo en 3D como físico, para a startup de mobilidade eléctrica VI&GO.
No relativo á impresión en 3D, desenvolven proxectos centrados en achegar o patrimonio a colectivos con dificultades como as persoas invidentes. Outros sectores profesionais poden sacar proveito desta ferramenta a través da impresión de prototipos e maquetas. Nesta liña, desenvolven maquetas para exposicións, soportes de pezas arqueolóxicas, figuras, prototipos, pezas antigas que xa non teñen repostos actuais…
Fonte: Tecnópole