A empresa ourensá Lincbiotech, con sede en Tecnópole, lidera unha iniciativa cuxo obxectivo é atopar un tratamento para a covid-19. O proxecto, chamado “BioTICfinder”, busca atacar certas proteínas que compoñen o virus a través de aptámeros, isto é, unhas secuencias de ADN que adoptan a forma de estruturas tridimensionales únicas, o cal lles permite recoñecer un branco específico con grande afinidade. Xunto a Lincbiotech hai outras tres organizacións que colaboran neste proxecto de investigación, todas elas localizadas en Galicia: Televés (Santiago), Galchimia (Touro) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A parte principal do proxecto é a creación dun tratamento que avance na cura da enfermidade unha vez contraída. Segundo explica o CEO da compañía ourensá, Juan Sebastián Ruiz, o proceso sería o seguinte: aos aptámeros creados no laboratorio “engádeselles unha cola dun compoñente químico”. Posteriormente, este engadido á secuencia de ADN “estimula a capacidade das células do corpo para degradar proteínas?. Ruiz explica que estes compostos, que están a ser desenvoltos como un antiviral, teñen tres partes: o aptámero, que pola súa afinidade pégase a esas proteínas; un linker, que serve de nexo; e unha molécula de ADN, que é a que dá o sinal de alerta á célula de que ten que eliminar certas proteínas.
Colaboración
No nexo de unión entre aptámero e molécula, Lincbiotech está a colaborar con Galchimia, que son os encargados de facer “a análise de calidade e o escalado industrial dos compostos”. Pola súa parte, a colaboración coa USC consiste en “analizar como son os compostos e ver como as tres partes partes -aptámero, proteína do virus e molécula de ADN- interactúan entre si”. En resumo, “o noso aptámero pégase ás proteínas do virus e, por distintas vías, avisa ás células que o conteñen ou están próximas, para ordenarlles que deben inutilizar certas proteínas sen as que o coronavirus non pode funcionar e acaba, por así dicilo, morrendo” -indica Ruiz-.
Até o momento, a única forma forma de combater a covid da que dispomos son as vacinas. “Aínda que se demostrou que funcionan moi ben, é inevitable que haxa infeccións que sigan necesitando hospitalización e mesmo entrar na UCI”, comenta Ruiz. Este tratamento, que estaría dispoñible unha vez diagnosticada a covid, permitiría “tomalo coma se fose unha aspirina”.
A outra parte do proxecto ten que ver co diagnóstico. Nestoutra vertente, Lincbiotech colabora coa empresa compostelá Televés. Esta proba poderíase asemellar a unha de antíxenos como a actual, pero engadiría o compoñente da tecnoloxía. Este test, tamén baseado no principio dos aptámeros, permitiría detectar unha infección de coronavirus a través de certas proteínas sen as que o virus non pode sobrevivir.
Fonte: La Región