Evo Banco, a entidade dixital de Bankinter, creou un servizo de “cashback intelixente” que permitirá a todos os seus clientes recuperar até un 8% de media do diñeiro gastado en compras coas súas tarxetas en comercios asociados, dando así “un aforro directo e instantáneo”. Este servizo foi desenvolto en alianza tecnolóxica con Coinscrap Finance, unha fintech española especializada en saúde financeira a través de intelixencia artificial e análise avanzada de datos. A alianza entre ambas as entidades remóntase a 2019 e deu lugar a múltiples servizos de aforro automatizado.
Agora, nace este novo servizo de cashback, que permite aos clientes da entidade o acceso a un ecosistema de recompensas automáticas que xera reembolsos directos en conta sen necesidade de cupóns, links a páxinas de descontos, nin xestión de ningún tipo. En concreto, a innovación tecnolóxica desenvolta por Evo e Coinscrap permite identificar en tempo real as compras realizadas nos comercios asociados, e executar os reembolsos de forma inmediata na conta Evo elixida polo cliente.
Este novo servizo de cashback estará integrado na aplicación móbil de Evo, onde os clientes terán acceso a toda a información relativa a este servizo, desde o histórico personalizado de todas as recompensas abonadas na súa conta, até a listaxe actualizada de todos os establecementos asociados, así como as porcentaxes de aforro dispoñibles para axudarlles a planificar as súas compras e conseguir as máximas recompensas.
Fonte: Cinco Días