A empresa de Tecnópole Amodo Soluciones, especializada no desenvolvemento de software, recibiu o Premio Iniciativa Empresarial do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) pola súa aplicación móbil “Localsafe”. É a primeira app española que permite aos usuarios coñecer os establecementos máis seguros fronte á Covid-19.
O CEO de Amodo Soluciones, Diego González, explica que a aplicación axuda ao usuario a localizar de forma “áxil e cómoda” os diferentes establecementos adheridos que se sitúan no seu contorno e identificar a valoración que posúen en aspectos de seguridade sanitaria, como as medidas sanitarias contra a Covid-19.
A aplicación está dispoñible en App Store e Play Store. As empresas interesadas poden inscribirse na web www.localsafe.es, onde ata o momento xa hai máis de 17.000 negocios dos sectores do turismo, restauración, comercio, espectáculos, deporte ou saúde repartidos por todo o territorio nacional. “A boa acollida débese á necesidade dos establecementos de dar a coñecer os seus esforzos neste ámbito e poder así ofrecer máis seguridade aos seus clientes para volver á actividade normal” -sinala o xerente da empresa-.
Ademais, varias institucións confiaron nesta iniciativa para acoller diferentes “marcas” de seguridade sanitaria. Nesta liña, Amodo Soluciones chegou a un acordo con diversas compañías de referencia na seguridade e calidade dos establecementos. Tamén iniciou unha campaña baixo o lema Protexe para protexer. “Moitos cidadáns senten a necesidade de saír a realizar a súa vida habitual, e gozar da mesma, sabendo que volverán a casa con total tranquilidade”- indica o xerente-.
“A Covid-19 xerou unha brecha de confianza entre establecementos e usuarios que a aplicación pretende reducir. Un dos motivos do seu éxito é a confluencia na mesma dos esforzos de gran parte da sociedade” -asegura Diego González-.
Localizador de locais con diferentes niveis de seguridade
Mediante a aplicación, os usuarios poden filtrar os establecementos segundo a actividade realizada e observar as medidas de seguridade habilitadas en cada un deles mediante un cómodo sistema de clasificación. Conta cun buscador de diferentes tipos de establecementos, un localizador daqueles que dispoñan do selo “Localsafe” no contorno do usuario, unha descrición de cada un dos locais, unha valoración realizada polos propios usuarios de cada un deles, xunto a unha clasificación por niveis de seguridade.
Segundo as diferentes medidas en elementos de seguridade, os establecementos poden contar na aplicación con distintivos “Silver”, “Gold” e “Platinum”. “Todos os locais distinguidos terán implantadas as medidas mínimas de seguridade que permitan unha experiencia segura, pero evidentemente algúns deles contan con medidas especiais que os usuarios deben coñecer, como é o caso dunha certificación por un organismo externo á empresa que teña verificado a implantación de protocolos específicos” -explica o xerente-.
Fonte: Tecnópole