A empresa de Cambados Enercraft vai poder ampliar a súa presenza internacional coa axuda do programa “Galicia Avanza”

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” poñíase en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Na primeira edición participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade, entre elas a cambadesa Enercraft, que desenvolve, fabrica e comercializa innovadores dispositivos de acumulación, xestión e transformación de enerxía para os sectores aeronáutico e industrial.

Os equipos da empresa cambadesa melloran o rendemento enerxético de helicópteros, avións e drons

Enercraft nace como proxecto no ano 2016 en Arxentina, onde se identifica unha clara necesidade, relacionada coa falta de dispositivos enerxéticos de soporte á industria da aviación, que fosen confiables e entregasen enerxía dunha maneira eficiente e segura a diferentes modelos de helicópteros e avións, mesmo nas condicións climáticas máis extremas. En 2020 xorde unha nova entidade en Galicia, encargada de todas as accións de I+D+i da compañía, así como de toda a actividade produtiva e comercial.

A firma basea o seu modelo de negocio na venda directa ao usuario final (operadores de aeronaves, centros de reparación e mantemento, escolas de pilotos, forzas de seguridade…), agás nos territorios onde xa dispón dun socio comercial ou distribuidor, que representa á marca e comercializa localmente os produtos da compañía.

Enercraft ofrece, por un lado, produtos específicos para a industria aeronáutica, cos que se mellora o rendemento enerxético de helicópteros, avións e UAVs, e asegúrase un arranque máis rápido e máis eficiente dos seus motores, protexendo a vida útil das baterías propias da aeronave e de calquera compoñente electrónico instalado a bordo.

Equipos de acumulación e fontes de enerxía eléctrica 100% portátiles e sustentables

Por outro lado, para o sector industrial e doméstico, proporcionan diferentes modelos de baterías segundo o tipo de aplicación, así como equipos de acumulación e fontes de enerxía eléctrica 100% portátiles e sustentables, empregadas como substitución directa dos obsoletos grupos electróxenos convencionais, que son causantes de ruídos, cheiros e emisións de gases contaminantes.

Fonte: Tecnópole