A empresa Agroamb queda finalista na categoriÏa de PEMEs dos Premios EMAS

A empresa lucense Agroamb, con sede en Tecnópole, logrou quedar finalista na categoría de pequenas empresas privadas dos Premios EMAS de Desenvolvemento Sostible, que concede a Comisión Europea para recoñecer as mellores iniciativas públicas e privadas neste ámbito.

A firma galega logrou situarse como a única aspirante española nesta modalidade tras superar varias fases de selección previas nas que tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio para a Transición Ecolóxica escolleron esta empresa, especializada na valorización e xestión integral de residuos para a elaboración de fertilizantes órganico-minerais.

Unha vez superadas estas dúas cribas (a autonómica e a nacional), Agroamb tamén conseguiu clasificarse entre as mellores consideradas na fase europea, na que competía cunha organización da mesma categoría por cada país. Así, de entre todas as candidaturas presentadas, só a austríaca BERNHARD AV GmbH (que finalmente se fixo co galardón), a belga SCHMITZ Digital Printing sprl e a alemá Glöckner Natursteine, ademais de Agroamb, foron seleccionadas.

Premios EMAS

Baixo o slogan ‘EMAS como motor de cambio’, a Comisión Europea recoñeceu nesta edición de 2019 as mellores prácticas daquelas empresas que contan coa certificación EMAS, outorgada pola Unión Europea de acordo coa súa regulamentación propia en relación aos Sistemas de Xestión Ambiental.

Nesta liña, o EMAS recoñece que as organizacións deben ter a súa propia responsabilidade á hora de xestionar o impacto ambiental que xeran coas súas actividades, servizos ou produtos.

Trátase dunha certificación distinta á norma ISO 14001, coa que conta tamén Agroamb, e, de feito, ten algúns requisitos máis estritos que esta última, como a esixencia dunha revisión ambiental antes de implantar o regulamento, verificada por un organismo externo ou tamén a necesidade de cumprir todos os requisitos relevantes relacionados co medio (a ISO 14001 só esixe o compromiso de cumprimento).

(Fonte: Agroamb)