A empresa Aerocamaras crea un método de reforestación con drons

Galicia segue a ser unha das principais comunidades autónomas que máis afectadas se ven polos incendios forestais, por iso, e ante a comprobación desta problemática durante anos, a empresa Aerocamaras creou un método de reforestación con drons. Estes pequenos vehículos aéreos non tripulados poden identificar cales son as mellores zonas para plantar as sementes. A entidade afirma que en múltiples ocasións as zonas non se reforestaban debido a diversas causas. Ante isto, e grazas a que eles manexan unhas amplas plataformas aéreas e teñen un gran desenvolvemento en I+D, lanzáronse a crear uns drons que puidesen ser de utilidade na plantación de sementes nos bosques carbonizados. Grazas a esta iniciativa púidose comprobar como se poden reducir tanto os custos, como os riscos e o tempo.

A pesar de que a tecnoloxía de drons xa está creada, conseguir que estes aparellos vertan a semente no lugar correcto supuxo moito traballo e dedicación, xa que para logralo foi necesario realizar multitude de probas e cambios até lograr a perfección. Durante o desenvolvemento deste proxecto leváronse a cabo estudos, en consonancia con medios forestais, para analizar o dano provocado nas zonas queimadas. Tras esta actividade procedeuse a realizar un plan de traballo xunto cun percorrido aéreo sobre os diferentes terreos. Con isto, pretendíase obter datos de cálculo que permitisen que ao disparar as sementes quedase a distancia suficiente entre as árbores.

O director de I+D e CTO da entidade, Borja Blanco Burés, explica que unha vez que se alcanzou o prototipo púidose comprobar que tal e como se prevía, os tempos de plantación reducíronse e ademais moitas das sementes implantadas mediante este método presentaban unha maior taxa de supervivencia que as colocadas manualmente, posto que estas levan incorporado un substrato propio. Outro aspecto positivo desta nova tecnoloxía é que os drons están programados para poder realizar tratamentos aéreos que permitan medrar as árbores plantadas. Blanco destaca que con esta metodoloxía pódense chegar a sementar até 10.000 árbores ao día, algo que se se equipara co labor humano non ten comparación.

Fonte: Faro de Vigo