A eficiencia enerxética e a saúde bucodental protagonizan os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

A eficiencia enerxética e a saúde bucodental son os temas centrais dos proxectos galardoados nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que este ano chegan á súa segunda edición. O certame está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, e ten como obxectivo recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo.

Ás categorías para pemes e grupos de investigación da primeira edición, súmase agora unha terceira para grandes empresas. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar proximamente en Santiago de Compostela.

O premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recae en Reganosa, empresa galega dedicada ao transporte e regasificación de gas natural con sede en Mugardos (A Coruña). A contratación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial da Universidade de Santiago de Compostela (USC) permitiulle á empresa incorporar unha innovadora ferramenta que permite a xestión integral das redes de gas baixo criterios de máxima eficiencia. O premio ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6000 euros netos polo seu esforzo no campo da transferencia de tecnoloxía.

Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a Evasa. Esta empresa, situada nas Pontes (A Coruña), desenvolveu, coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Materiais de Asturias (ITMA), dous novos encapsulantes para a fabricación de vidro laminado, tamén coñecido como vidro de seguridade, que permiten un significativo aforro enerxético para esta industria.

Saúde bucodental

O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6000 euros netos e unha axuda de 4000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu nun equipo multidisciplinar da USC. No proxecto colaboraron dez científicos dos departamentos de Microbioloxía e Parasitoloxía e da área de Estomatoloxía e Cirurxía Oral, coa colaboración da empresa catalá Dentaid.

O traballo premiado logrou aplicar no campo da saúde bucodental unha estratexia alternativa aos antibióticos e antisépticos: actuar sobre os procesos de comunicación que establecen as bacterias entre elas para formar a placa dental, atrasando así a súa formación e a aparición de enfermidades como a carie ou a xenxivite. Esta fórmula, sen efectos secundarios e moi efectiva, evita os problemas de resistencias que acaban xerando os antibióticos, así como as alteracións na flora intestinal que estes medicamentos poden provocar.

(Fonte: Innovamás)