En 20 anos a presenza feminina na área tecnolóxica só aumentou dun 33% a un 37%. Nun contexto no que as empresas cada vez necesitan máis persoas dedicadas á enxeñaría, prescindir da metade do talento é un luxo que a sociedade non se pode permitir, pero por moito que se fale diso, custa atopar cambios que se levaron á práctica.
Aos 11 anos, o 41% das nenas xa son conscientes de que hai certas carreiras que a sociedade espera que elas elixan (ou non). Aínda que saquen mellores notas que os seus compañeiros en materias como matemáticas, teñen unha peor percepción de si mesmas que, con todo, mellora con algo tan sinxelo como expolas a referentes femininos -destaca a presidenta de Inspiring Girls, Marta Pérez Dorao-.
Pola súa parte, a vicepresidenta da Fundación ASTI Talent & Tech, Emma Fernández, alerta de que “a maior parte das nenas segue a ter problemas de autoconfianza nas súas capacidades. Pensan que a tecnoloxía é cousa de homes, que eles son mellores”. Para tratar de que perdan o medo a este campo do coñecemento, a mentoría é clave. Así o defende a directora de Bejob Empleabilidad, Mariola García Arellano, quen insiste en que o acompañamento e a linguaxe próxima evitan o medo ao descoñecido. Así mesmo, a experta tamén comenta que tan importante é fomentar a motivación das mulleres para adentrarse nas carreiras técnicas como pechar o círculo: “Despois hai que recoñecer os seus méritos”.
Para a directora do proxecto Muller e Enxeñaría, da Real Academia de Enxeñaría, Sara Gómez, amosar a alma e o lado máis humano da tecnoloxía é clave para atraer a máis mulleres. A humanidade entendida nun sentido amplo, de forma que tamén pase por tolerar os erros. “Debemos deixar de pensar que as mulleres teñen que ser todo o tempo perfectas. Os erros son bos porque son unha fonte de aprendizaxe”.
“Temos por diante o reto de conseguir que o 80% das mulleres teñan un mínimo de alfabetización dixital”, alerta García Arellano. Esta carencia afecta a mulleres de perfís moi diversos e de todos os grupos de idade, pero asentar as bases é clave para que a situación mellore exponencialmente. A falta de presenza feminina nas ramas técnicas non é só unha cuestión de xustiza social, senón que é decisiva para a recuperación económica. Se se igualase a ocupación de mulleres e homes, mantendo a produtividade media do sector tecnolóxico, xeraríase o equivalente ao 2,8% do PIB.
Fonte: Cinco Días