A educación ambiental, fonte de innovación e creatividade “contaxiosa” para o desenvolvemento industrial e tecnolóxico galego

A educación nunha disciplina transversal como é o medio ambiente, que presenta unhas taxas de actualización e incorporación de novos coñecementos e innovación das máis elevadas, logra un interesante efecto sinérxico ao xerar unha dinámica de creatividade e innovación contaxiosa, que se traslada a diferentes ámbitos do coñecemento e do desenvolvemento industrial e tecnolóxico, afirmou a secretaria da Asociación Profesional de Empresas Ambientais de Galicia (Aproema), Maruxa Pérez, con motivo da celebración do Día Mundial da Educación Ambiental.

Dende 1975, Nacións Unidas vén conmemorando este Día Mundial para poñer de relevo os coñecementos e estratexias destinados á resolución dos conflitos ambientais, de orixe claramente social. Como un dos pulmóns da sociedade, as empresas foron incorporando os sistemas de xestión ambiental non só para cumprir coa súa responsabilidade corporativa senón tamén como eixe para o seu propio crecemento. “A creatividade e a capacidade innovadora son motores fundamentais das economías modernas, á vez que a nivel individual melloran as perspectivas de empregabilidade e de emprendedurismo”, indicou Pérez sobre o papel da educación ambiental como ferramenta para abordar a crise.

Con todo, a secretaria de Aproema advertiu que a implantación de sistemas de xestión ambiental nas empresas do tecido industrial galego (sobre todo, pemes e micropemes) pode resultar “unha arma de dobre fío”. Se ben unha boa incorporación destes sistemas se traduce nunha mellora da eficiencia en termos empresariais e ambientais e dota as empresas de “perspectiva” para a identificación de novos mercados, Pérez destacou o que acontece cando non é así:  “Con máis frecuencia da debida as empresas desenvolveron e implantaron estes sistemas de xestión debido a presións externas de clientes e/ou administracións, facéndoo polo tanto, de forma apresurada e sen integración real na estratexia empresarial de modo que se converten nun lastre inmanexable que, en tempos de crise, conduciu ao abandono das certificacións e ao abandono das boas prácticas que se empezara a desenvolver”.

Para a secretaria de Aproema, as certificacións son unha ferramenta “potente”, pero recalcou: “Non para todos os tamaños de empresas”. Por iso, recomendou como medida xeral unha adaptación dalgúns dos conceptos fundamentais recollidos en calquera sistema de xestión como pode ser o control, a integración de políticas e estratexias empresariais e o cumprimento normativo. “Se o proceso é ben entendido e se acomete por expertos, permitirá mellorar e crecer ás empresas mesmo en tempo de crise”, prognosticou.

(Fonte: Aproema)