A diversidade de xénero favorece a innovación radical

Ata o momento hai moi poucos datos sobre diversidade de xénero nos equipos de I+D e o seu impacto nas innovacións das organizacións. Non obstante, un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade de Castela a Mancha (UCLM) indica que o equilibrio entre homes e mulleres nun contexto tecnolóxico é un elemento clave para aumentar a competitividade e favorecer a innovación máis rompedora.

O traballo, publicado na revista Innovation-Management Policy & Practice, destaca que a diversidade de xénero dentro dos equipos de I+D favorece dinámicas que conducen a unha innovación radical, aquela que provoca cambios no paradigma debido á introdución de novas prestacións e leva consigo a aparición de mercados totalmente novos.

Con este estudo, os investigadores da UCLM quixeron cubrir unha lagoa na investigación previa, relacionando os resultados de innovación coa diversidade de xénero dos equipos de I+D.

Para levar a cabo o traballo, o equipo utilizou a información sobre as actividades innovadoras de empresas do Panel de Innovación Tecnolóxica cunha mostra de 4277 compañías, 83% do sector industrial e 17% de servizos.

Ao analizar os datos, atoparon unha relación positiva entre a diversidade de xénero e a innovación radical. Segundo a mostra, a probabilidade de desenvolvemento máis novidoso increméntase significativamente cando no equipo de I+D se aumenta a diversidade de xénero. Tamén indica que contratar I+D externa e que a empresa opere nunha industria de alta tecnoloxía contribúe a este tipo de innovación.

Diferentes perspectivas

“Neste contexto, a diversidade de xénero fomenta solucións novidosas que conducen a innovación radical tanto nas compañías como para o mercado -sinala Cristina Díaz García, investigadora principal-. A diversidade de xénero pode achegar diferentes perspectivas e coñecementos cuxa combinación  ofrece unha gama máis ampla de ideas e, por conseguinte, unha maior creatividade, facilitando os procesos de toma de decisións”.

As implicacións do estudo son múltiples: “No ámbito empresarial, os resultados apuntan a necesidade de recoñecer e valorar a diversidade de xénero, que, á súa vez, podería mellorar a capacidade dunha organización para atraer e reter ao persoal clave”, engade.

Na súa opinión, “a diversidade de xénero non só ten implicacións nos ámbitos de equidade e de igualdade senón que achega maior eficacia do traballo en equipo”.

O estudo recomenda aos xestores que teñan en conta o potencial de formar equipos cun maior equilibrio entre homes e mulleres en sectores tecnolóxicos se se persegue unha innovación radical, pois “a innovación é un elemento clave” nun contexto de competencia global crecente”, conclúe Díaz.

(Fonte: SINC)