A Deputación de Ourense quere impulsar a transición dixital de pemes, autónomos e emprendedores nas zonas rurais da provincia a través dun programa de sensibilización e asesoramento AcelerOU que presentou ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital no marco da convocatoria de axudas para a creación da Rede de Oficinas Acelera Peme.
A través do proxecto AcelerOU, a Deputación de Ourense pretende ofrecer asesoramento e soporte nas principais áreas de transformación dixital a pemes, autónomos e emprendedores dos concellos e asociacións adheridas. Un labor que se realizará a través dunha sede virtual e dúas físicas: unha delas situada nas instalacións de Inorde en Xinzo de Limia e outra que terá carácter itinerante, permanecendo nos concellos de forma temporal e por períodos semanais.
Ademais, o proxecto tamén prevé a celebración de xornadas de sensibilización e de apoio para a introdución e uso de tecnoloxías da comunicación e da información innovadoras, favorecendo a súa incorporación nos seus procesos produtivos e de xestión co seu concello. Tamén se prevén sesións de networking para conectar a oferta coa demanda tecnolóxica relacionada coa transición dixital.
“Esta é unha nova aposta da Deputación por sectores económicos clave para Ourense”, resalta Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial, quen valora o traballo realizado sumando apoios para este proxecto, de municipios ou asociacións que traballan sobre o territorio. AcelerOU conta co apoio de concellos de toda a provincia e unha vintena de entidades como Universidade de Vigo, Axencia Galega de Innovación, Amtega, Parque Tecnolóxico de Galicia, Clúster TIC de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática, o Clúster de Empresas de Enxeñaría, a Confederación Empresarial de Ourense, Confederación de Empresarios de Hostalaría, D. O. de Monterrei, Asociación Galega de Mulleres Rurais ou as asociacións de desenvolvemento rural de Carballiño, A Limia, Sil, Monterrei, Monteval, Comarca Ourense e Valdeorras.
27 oficinas para toda España, dúas en Galicia
A Deputación de Ourense opta con este proxecto a unha das dúas entidades que se prevén crear en Galicia, dun total de 27 oficinas que estarán repartidas por quince comunidades autónomas. Esta iniciativa tecnolóxica conta un orzamento total de 8 millóns de euros, dos que o ministerio achegará 6,3 millóns e o resto as entidades beneficiarias. Cada unha das oficinas estará cofinanciada polos fondos europeos Feder e disporá dunha axuda de entre 200.000 e 250.000 euros para un período de dous anos.
A través da entidade pública Rede.es, a convocatoria do Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital para a rede de oficinas Acelera Peme ten como principais obxectivos axudar á transformación dixital do mundo da empresa nas áreas rurais; ofrecer solucións tecnolóxicas que lles permitan dar continuidade aos seus negocios; e pór en valor proxectos relevantes tanto públicos como persoais vencellados á transformación dixital das pemes.
Fonte: Economía en Galicia