A Deputación de Ourense porá en marcha o proxecto AcelerOu de apoio a pequenas e medianas empresas, autónomos e emprendedores para levar a cabo a transformación dixital dos seus negocios. Cunha duración de 24 meses, o programa abrangue desde a dixitalización das empresas até a estratexia e cultura dixital, a relación co cliente, a visibilidade e comercialización dos novos produtos e servizos, sen esquecer a seguridade informática.
Apóiase nunha estratexia que combinará unha oficina física permanente nas instalacións do Inorde en Xinzo de Limia cunha oficina itinerante que realizará estadías semanais por todas as comarcas da provincia. Os espazos físicos aos que poderán acudir os usuarios complementaranse cunha terceira oficina, esta de carácter virtual, que estará aberta as 24 horas do día. No seu funcionamento combinará un sistema de «chatbot» conversacional cunha interacción dentro dunha contorna web tipo ou mediante a recreación dun espazo de realidade virtual 3D.
O proxecto AcelerOu conseguiu a máxima puntuación de toda España na convocatoria para a creación dunha rede de oficinas Acelera Peme en contornas rurais. A proposta ourensá conseguiu 90 puntos, sendo a mellor valorada de entre as 90 presentadas por outros tantos concellos e deputacións aos fondos Next Generation do Plan de recuperación, transformación e resiliencia xestionado polo Ministerio de Asuntos Económicos.
Fonte: La Voz de Galicia