A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou a piscina de Tecnópole, reaberta desde o mes pasado en horario de 12.00 a 21.00 horas. Díaz Mouteira, que estivo acompañada do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez, comprobou as obras de reparación, acondicionamento e reestruturación executadas antes da súa reapertura.
A representante do Executivo galego indicou que as instalacións foron totalmente remodeladas e actualizadas grazas a un investimento de máis de 300.000 euros por parte da Xunta de Galicia. Neste sentido, Díaz Mouteira indicou que “grazas a esta achega económica do departamento dirixido por Francisco Conde, do que depende Tecnópole, podemos pór a disposición de toda a sociedade ourensá unhas instalacións e servizos inmellorables que contribúen a aliviar as altas temperaturas que se rexistran no verán nesta provincia do interior de Galicia”.
Coa execución deste proxecto o sistema de depuración, os vestiarios e o propio vaso foron optimizados de maneira integral. Ademais, melloráronse as condicións para as persoas con mobilidade reducida, tanto na accesibilidade ao recinto como á zona de baño. As instalacións deportivas anexas tamén foron remodeladas, coa instalación de novas portarías, canastras etc.
Nesta tempada Tecnópole fíxose cargo da xestión da instalación, que volveu entrar en servizo con dúas novidades tecnolóxicas: acceso gratuíto a conexión wifi para todos os bañistas e unha aplicación móbil, tamén de descarga gratuíta, que permitirá abonar a entrada á piscina e tamén os servizos asociados a ela, como o aluguer de hamacas e parasois. Tanto esta aplicación como a automatización do control de accesos e do sistema de rega foron desenvolvidas pola empresa de Tecnópole Conexiona Telecom. Ademais, a piscina conta con servizo de bar a través dunha gastroneta con terraza.
Todos estes servizos están a disposición de calquera persoa, familia ou grupo. O prezo da entrada é de dous euros, coa aplicación de bonificacións en caso de comprar un bono.
(Fonte: Xunta)