A delegación americana da misión USA-Ourense estreitou lazos con Tecnópole

A misión USA-Ourense, que se saldou con máis de 180 encontros de traballo entre empresas norteamericanas e ourensás, visitou Tecnópole durante o seu segundo día en Galicia. Tras coñecer o funcionamento da sociedade xestora de man do seu director, Ricardo Capilla, os seus membros percorreron as instalacións de Egatel, o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) e o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo.

O presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, cualificou a misión comercial de “éxito indiscutible, en tanto que fomos capaces de espertar o interese de 20 corporacións norteamericanas”, que segundo recordou manexan unha cifra anual de facturación de case 6000 millóns de euros e dan emprego directo a máis de 45.000 persoas.

Manuel Baltar incidiu en que “isto é o principio” e recordou que o goberno provincial foi capaz de promover esta iniciativa que naceu “ao amparo e baixo a cobertura da Cámara de Comercio e a Confederación Empresarial de Ourense”, ao tempo que apuntou que agora, “a única lectura posible é que isto ten que consolidarse e repetirse”.

O presidente provincial avanzou que os 130 acordos de colaboración alcanzados significan unha vinculación a futuro, pero tamén, en moitos casos, “acordos reais de negocio, con cifras que superan os millóns de euros” e en sectores “tan potentes para a provincia como poden ser o agroalimentario, o da lousa, o termalismo ou a hostalería”. Baltar destacou que nestes dous días “puxemos en valor o ambiciosa que é Ourense, o positiva que é esta provincia”.

Pola súa banda, Juan Verde, presidente da Fundación Advance Leadership, non dubidou en cualificar a visita de “todo un éxito”, xa que “o mero feito de ter 20 empresas aquí vinculándose con Ourense é unha oportunidade fantástica” e incidiu en que “o que estamos a crear aquí é un espazo de interacción” con empresas que proceden de diferentes puntos dos Estados Unidos, “como Boston, Atlanta, Chicago ou Miami, entre outros, e que son líderes nos seus distintos campos”.

Por outra banda, gabou “a valentía do empresariado ourensán” ao apostar pola misión e sinalou que “dos covardes non hai nada escrito” ao tempo que resaltou que “non creo que Ourense non teña nada que ofrecer, o que pasa é que non se coñece”.

Moito que ofrecer

A congresista estadounidense Loretta Sanchez remarcou que “Ourense si ten moito que ofrecer ” e apuntou a campos como o das “tecnoloxías”.  Neste sentido, centrou o foco na tecnoloxía “agrícola, na que esta provincia ten moito que dicir”. Para exemplificar o interese espertado en Estados Unidos pola misión, explicou que cando “hai tres semanas se deu a coñecer entre o empresariado de California a posibilidade de acudir a Ourense, “houbo moita máis xente que quería vir”, aínda que non puido ser nesta ocasión por falta de tempo. En todo caso, apuntou que “queremos traer máis empresarios californianos no futuro aquí”.

Outro dos sectores que espertaron o interese da congresista “é o turismo” e sinalou que ela é natal do pobo onde está situado Disneylandia “e sabemos ben o que é este sector, no que hai moitas cousas que facer en común”. Engadiu que a misión que se pechaba o pasado venres en San Estevo “é o primeiro paso, pero sempre se empezan as cousas cun primeiro paso”.

(Fonte: La Región)