A crise dos microchips durará ata 2022 e esixe solucións

Un estudo elaborado pola consultora Bain & Company asegura que a crise da escaseza de microchips semicondutores, que está a afectar á maioría dos fabricantes de vehículos en todo o mundo, durará como mínimo até 2022 e serán necesarios miles de millóns de euros para solucionala. O traballo asegura que, a pesar dos grandes investimentos que se anunciaron e ao apoio institucional, a curto prazo, as opcións que existen para resolver esta complicada situación son “moi limitadas”.

Futuras crises

Serán necesarios miles de millóns de euros para superar esta crise. Ademais, o documento asegura que isto non representará un episodio illado, senón que no futuro sucederán múltiples eventos similares, cunha disrupción na industria similar ou maior.

Con todo, a industria automobilística xoga un papel “menor” no mercado desta clase de compoñentes, xa que só posúe un 10% de cota de mercado mundial. A crise está a afectar a outros sectores como o tecnolóxico, que están dispostos a pagar máis polos chips para evitar escaseza.

Outro dos principais problemas desta crise é a concentración de provedores, xa que unha única firma, a taiwanesa TSMC, é a responsable de ao redor do 80% dos chips microcontroladores.

Investimentos millonarios

O informe Bain & Company calcula que incrementar entre un 5% e un 10% as capacidades tecnolóxicas existentes custaría uns 40.000 millóns de dólares, e manter o desenvolvemento desta tecnoloxía suporía outros 110.000 millóns de dólares en dez anos. Tamén é necesario construír unha fábrica cada dous anos por cada tecnoloxía desenvolta e investir entre 3000 e 4000 millóns de dólares anuais en investigación e desenvolvemento para seguir facendo transistores máis pequenos.

Fonte: Faro de Vigo