A Covid frea o despegue das startups da aeronáutica

O sector da aeronáutica galega afrontaba 2020 cunhas esperanzadoras previsións de crecemento da orde do 2% tanto en emprego como en facturación, pero a irrupción do coronavirus fixo que se esfumen por completo estas cifras. En empresas máis maduras indican que se paralizaron pedidos estranxeiros e que ata 2023 non se espera unha recuperación real do sector. Que ocorre no caso de startups e proxectos máis modestos que buscan un oco na aeronáutica galega? En proxectos vigueses como Alén Space ou Raytrack explican que a crise sanitaria freou varios dos seus contratos, pero son optimistas nas súas previsións particulares para superar este ano tan complicado.

Alén Space naceu en 2018, coa súa orixe a través da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo. A compañía é a responsable da creación de varios nanosatélites xa en órbita e con contratos con grandes axencias espaciais internacionais. Nesta startup viguesa a crise sanitaria provocou que suspendese a súa participación en varias feiras e congresos en Sudáfrica, Estados Unidos e varios países de Sudamérica, tratándose de eventos nos que inician contactos con potenciais clientes.

“O sector aeronáutico non terá un impacto tan grande coma outros, pero si hai unha freada na economía que nos pon enriba certo clima de incertidume”, explica Antonio Vázquez, un dos fundadores da compañía e responsable dos labores de desenvolvemento de negocio.En Alén Space recoñecen que foron previsores ao pechar proxectos clave para a compañía durante estes últimos meses e esperan facturar cinco veces máis que a final de ano. “Somos optimistas”, recoñece Antonio Vázquez.

Raytrack é outra startup viguesa cun prometedor camiño no sector aeronáutico. Expertos en teledetección, transforman datos básicos de radiofrecuencia en información útil, o seu desenvolvemento empresarial con respecto aos drons é un aliciente para recuperarse da paralización xerada pola Covid. “Aprazáronse algúns contratos e os temas de innovación puideron quedar en segundo plano para as empresas ás que provemos. No noso caso estamos nun punto de desenvolvemento no que podemos ir tirando. Pertencemos a un ámbito que conta con oportunidades”, afirma Alfonso Fernández, un dos directores e responsable de desenvolvemento de negocio de Raytrack.

Fonte: Atlántico Diario