A Coruña avanza cara á smart city coa adxudicación de dez proxectos por 3 millóns de euros

Dez dos 14 proxectos piloto de Coruña Smart City estarán en funcionamento no primeiro trimestre de 2015, tras o visto e prace á súa adxudicación, un proceso que nas próximas semanas seguirán os catro restantes.

“O 80% do proxecto queda así practicamente adxudicado, co obxectivo de que estean en funcionamento no primeiro trimestre de 2015”, destaca o tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado.

Ás licitacións presentáronse un total de 43 ofertas de empresas locais e nacionais e o investimento ascende a máis de 3 millóns de euros. Os dez proxectos aprobados foron os relativos ao sistema de información de eventos multicanles -que permitirá aos coruñeses, vía online, coñecer a oferta de ocio, cultura e deportes-; visitas guiadas con realidade aumentada; control de calidade do aire e control de ruído; telecontrol de rego intelixente de parques e xardíns; plataforma de administración electrónica; telexestión de contadores de auga e gas, e redes de abastecemento e saneamento.

Así mesmo, foron autorizados os proxectos de sistema de control de seguimento e alerta da calidade da auga; parking intelixente -permitirá ver o sistema de rotación de prazas a través dos dispositivos-; e monitorización de eficiencia enerxética en edificios públicos.

Dez empresas asumen o desenvolvemento destas iniciativas e ningunha delas participa nas UTE’s anteriores, polo que “xa temos 26 empresas e entidades distintas traballando no proxecto Coruña Smart City”, aseverou o tenente de alcalde.

Ademais, as dez licitacións fixéronse como Compra Pública Innovadora, onde se valora a solución e o nivel de innovación que as empresas expoñen nas súas ofertas técnicas, unha actuación pola que o proxecto de Coruña Smart City figura entre os 11 nomeados para o Premio Europeo “Public Procurement of Innovation Award”.

O proxecto de Coruña Smart City naceu co fin de deseñar un novo modelo de cidade, utilizando as novas tecnoloxías para responder dende a administración á demanda crecente de eficiencia, desenvolvemento sustentable, calidade de vida e xestión dos seus recursos.

A iniciativa do Concello da Coruña e EMALCSA como solicitante, conseguiu un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, en total 11,5 millóns de euros.

(Fonte: ABC)