A Consellaría de Innovación e Industria colaborará en materia de ciencia e innovación cos principais axentes de I+D+i de Coimbra. Así o establece o protocolo asinado esta mañá por Salustiano Mato, director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría, cos representantes da Universidade de Coimbra, do Parque de Innovación de Coimbra (iParque), do goberno municipal e da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento da Rexión Centro de Portugal.
n
nO protocolo pon as bases para a creación dunha rede Galiza-Centro de Portugal que fomente as iniciativas en colaboración na área de parques de ciencia e tecnoloxía, especialmente nas relacións universidade-industria. Este acordo será completado con planos concretos de intervención ou acordos específicos que fomenten o establecemento de colaboración en proxectos de I+D+i e o intercambio de información.
n
nSegundo explicou Salustiano Mato, o sistema galego de innovación, unha vez que xa está configurado, atópase en disposición de afrontar a súa internacionalización. É por isto que a Rede Galega de Parques Tecnolóxicos, liderada pola Tecnópole, está a establecer lazos con estruturas de parques científico-tecnolóxicos doutras rexións, como neste caso coas da rexión Centro de Portugal.
n
nEste acordo favorece próximas colaboracións en proxectos internacionais e abre novas oportunidades de negocio para o sector empresarial de Galiza. O director xeral de I+D+i indica que o establecemento de relacións internacionais favorecerá a atracción de empresas cara a nosa rede de parques e levará ás compañías galegas a buscar novas localizacións para competir no mercado internacional.
n
nA sinatura do documento estivo precedida dunha visita das autoridades ao iParque, no que se está a finalizar a primeira fase da construción. Este Parque pretende crear un espazo empresarial axeitado para a innovación e o emprendemento. Ademais de ser motor da I+D+i a nivel rexional, fomenta accións de colaboración con institucións internacionais, como é o caso do protocolo asinado coa Consellaría de Innovación e Industria, que ten en marcha unha rede de Parques Tecnolóxicos en Galiza.
n
nPola súa banda, tanto a Cámara Municipal de Coimbra como a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento da Rexión Centro de Portugal, están a promover iniciativas dinamizadoras da industria a través de actuacións vinculadas co emprendemento, a innovación e a tecnoloxía.
- Home
- Actualidade
- A Consellería de Innovación e Industria colaborará en materia de I+D+I e de parques tecnolóxicos coa rexión centro de Portugal
A Consellería de Innovación e Industria colaborará en materia de I+D+I e de parques tecnolóxicos coa rexión centro de Portugal
- Martes 13 Xaneiro 2009