A Consellería de Economía e Industria apoia a posta en marcha en Tecnópole dunha factoría de I+D no sector das enerxías renovables

O director xeral de I+D+I da Xunta, Ricardo Capilla, presidiu esta mañá a inauguración das instalacións de Kinetika Innovacións Estruturais no Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole-, situado no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. Na planta, que ocupa unha superficie de 3563 metros cadrados, levaranse a cabo actividades de I+D+I relacionadas co sector das enerxías renovables, concretamente o deseño, prototipado e homologación de estruturas totalmente innovadoras para a produción de enerxía eólica.

?Kinetika Innovacións Estruturais está impulsada e participada principalmente por empresas do sector das construcións metálicas: Ahitosa SL e Ahinox SL. O propósito deste novo proxecto instalado en Tecnópole non é a produción, senón a implantación de infraestruturas científico-tecnolóxicas que permitan afrontar os novos retos que se presentan no ámbito do incremento, innovación e optimización das estruturas metálicas vinculadas coas enerxías renovables, fundamentalmente as torres para aeroxeradores. A medio prazo prevese que as empresas fabricantes poidan incorporar ás súas cadeas de produción os modelos desenvolvidos en Kinetika. Ademais, a internacionalización da súa actividade está proxectada para 2010.
?
Durante o acto de inauguración, ao que seguiu unha visita guiada polas instalacións, o xerente da empresa, José Luis Salgado, lembrou que Kinetika conta coa cualificación de Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) e que a súa planta en Tecnópole foi construída e equipada co soporte financeiro do Plan Galego de I+D+I e do Plan Nacional de I+D+i.

?Patente para torres octogonais

?Os primeiros prototipos que sairán da planta faranse en base á patente rexistrada pola empresa co nome ‘Pétalo metálico encartado aplicado á construción de torres eólicas’. A proposta coa que Kinetika inicia a súa traxectoria é unha solución innovadora que revoluciona o método de construción das enormes torres sobre as que se soportan os rotores e as pas dos aeroxeradores, con vantaxes significativas a nivel de custos e operatividade.

?En resumo, trátase de substituír as complexas torres circulares por torres octogonais que poderán ser trasladadas facilmente en seccións, prescindindo dos transportes especiais, e montadas en destino. Ademais, o tratamento do material destas seccións, que se fixarán mediante parafusos, é moito máis resistente á corrosión.

?Esta patente foi desenvolvida co obxectivo de superar os retos tecnolóxicos máis urxentes que presentan as torres eólicas: a resistencia ao peso e á corrosión.??A maioría das torres nos aeroxeradores modernos son tubulares troncocónicas de aceiro. As torres son ensambladas a partir de subseccións cónicas máis pequenas, que son cortadas e laminadas coa forma desexada e posteriormente unidas por soldadura. Estas torres adoitan fabricarse en seccións de 20 a 30 metros, coas consecuentes complicacións para o transporte, por tren ou estrada, xa que o peso oscila entre as 40 e as 80 toneladas.
?
Ademais, debido á necesidade de aumentar a eficiencia dos aeroxeradores, requírense turbinas cada vez máis grandes, factor que incide directamente no aumento do tamaño e na resistencia estrutural das torres. Por tanto, faise necesaria a aparición de sistemas máis rápidos, máis precisos e, a poder ser, máis económicos para a fabricación de torres.
?
A isto súmase que estas estruturas deben soportar todo tipo de inclemencias meteorolóxicas, o que se consegue mediante o tratamento superficial con pinturas especiais para metais, pero estas descascaríllanse con relativa facilidade e o repintado convértese nunha ardua tarefa cando a torre se atopa en posición vertical coa turbina en funcionamento.
?
A solución exposta por Kinetika comeza atacando o problema da corrosión, coa conclusión de que é imprescindible galvanizar as torres, xa que este tratamento garante que o seu mantemento sexa case nulo durante o seu período útil. Dado que o galvanizado se corrompe coa soldadura, buscouse unha alternativa que de paso supuxese un traslado moito máis fácil, en vehículos comúns e sen necesidade de recorrer a transportes especiais.
?
O resultado é a montaxe das torres a partir de seccións verticais planas que poidan ser producidas de forma continua, transportadas de forma convencional e ensambladas en destino mediante parafusos, dando lugar a torres de sección octogonal. Isto permitirá construír soportes para aeroxeradores de envergadura maior -e por tanto maior resistencia ao peso- á que na actualidade se permite transportar por estrada, xa que a lei limita o diámetro das torres circulares a 4,5 metros, e superar as dificultades e o custo que entrañan o curvado destas estruturas tal e como se vén facendo até agora.

?Segundo explicaron os responsables da empresa, todo isto permitirá rebaixar os custos de produción e de transporte e aumentar enormemente a resistencia aos cambios meteorolóxicos das torres.