A conselleira María Jesús Lorenzana destaca as tres décadas de traxectoria da Tecnópole no impulso a iniciativas empresariais innovadoras

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou as tres décadas do Parque Tecnolóxico de Galicia no impulso a iniciativas empresariais innovadoras. Lorenzana salientou nunha visita á Tecnópole que esta ofrece un espazo de apoio tanto para emprendedores como para compañías con proxectos innovadores e tecnolóxicos, servizos especializados en continua evolución e infraestruturas científico-tecnolóxicas.

Grazas a este labor, hoxe o Parque Tecnolóxico é un espazo consolidado que aglutina un centenar de empresas, cinco centros tecnóloxicos e numerosos empregos asociados. Durante a visita, a responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego salientou que “o apoio da Xunta vai continuar precisamente porque estamos vendo os bos resultados e a importancia que ten a Tecnópole tanto para o mundo empresarial como para a innovación, a tecnoloxía e a investigación na comunidade autónoma”.

O Plan Estratéxico do Parque recolle entre os seus obxectivos para os vindeiros anos importantes proxectos entre os que destacan a posta en marcha dun Centro de Excelencia en Ciberseguridade, que será unha realidade en 2025; e o impulso dunha comunidade enerxética empresarial. Esta iniciativa pioneira, enmarcada na Axenda Enerxética 2030, permitirá reducir o consumo e dotar de maior competitividade ás empresas. Prevese a instalación de 2MW de tecnoloxía solar fotovoltaica, que posibilitará cubrir o 20% da enerxía das empresas participantes.

Fonte: Xunta de Galicia