Na Universidade de Vigo e en cada universidade española existe unha OTRI, unha Oficina de I+D que actúa como ponte de comunicación entre a investigación académica e o mercado. Do 1 ao 3 de xuño, a Universidade de Vigo, no seu campus de Ourense, acollerá grazas ao patrocinio da Tecnópole a cita anual dos seus profesionais, a Conferencia RedOtri 2011.
n
n
Arredor dun cento de técnicos de 70 universidades españolas reuniranse para analizar temas de actualidade na súa área, entre eles, o perfil para ser un bo xestor de transferencia do coñecemento.
n
Ángeles López, directora da OTRI da Universidade de Vigo, salienta que “a conferencia ten como obxectivo a posta ao día nos temas máis actuais no mundo da transferencia e reunir ás persoas que se dedican a esta tarefa nas universidades españolas”. A cita, explica, está organizada pola Universidade de Vigo e a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas CRUE e conta co patrocinio, ademais da Tecnópole, da Fundación Barrié.
n
n
O perfil dun bo xestor de transferencia
n
n
Cada edición, o evento céntrase na abordaxe dun tema principal vinculado coa transferencia do coñecemento. “Este ano está dedicado especialmente á nosa profesión, a diferenza doutros anos que se centrou nas tarefas de transferencia propiamente ditas, como son patentes, spin-off ou I+D con empresas”, destaca a responsable da OTRI viguesa. Deste xeito, os asistentes afondarán en cuestións coma os sistemas de acreditación que existen a nivel internacional para os profesionais da transferencia de coñecemento e as cualificacións e competencias necesarias para ser un bo xestor neste eido.
n
n
Alén desta temática principal, na Conferencia RedOtri2011 desenvolveranse tres talleres especializados e paneis con temas de actualidade no mundo da transferencia, como a Innovation Union ou os plans de negocio das OTRI a través da convocatoria INNCIDE. Nesta programación haberá cabida tamén para un panel internacional e talleres en paralelo con temas especializados.
n
n
Destacada representación institucional
n
n
A xornada comezará o día 1 de xuño cunha visita a empresas e entidades vinculadas coa I+D na cidade de Ourense, concretamente á Tecnópole, ao Centro Tecnolóxico da Carne, ao Grupo Cuevas e a Coren. Os días 2 e 3 celebraranse as sesións de traballo no Edificio Politécnico do campus. Ademais da presenza de destacados expertos en cada área de traballo, a conferencia contará cunha destacada representación das principais institucións que traballan en I+D, estando confirmada a presenza de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Felipe Pétriz, secretario de Estado de Investigación; Juan José Moreno, director xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación; José Luis Pérez, subdirector xeral de Transferencia e Valorización do Coñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación; José Carlos Gómez, representante sectorial de I+D da CRUE; Jesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria; Ricardo Capilla, director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia; José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades da Xunta; e Javier López, director xeral da Fundación Barrié.
n