Bruxelas aprobou hai uns días o proxecto de creación dun imposto de sociedades europeo. As empresas que o desexen poderán presentar unha soa liquidación de resultados para toda Europa, aínda que a parte de negocio asignada a cada país se seguirá gravando co tipo impositivo nacional.
n
A proposta de directiva establece unha base común e consolidada para o imposto de sociedades alternativa ás nacionais. As empresas poderán utilizar de xeito voluntario a base europea para liquidar as súas obrigas ante un só Estado, que será o encargado de redistribuír a recadación entre os países onde opera a compañía.
n
n
A maior vantaxe para as empresas, ademais do aforro en papelame, será que poderán compensar as ganancias nun país coas perdas noutro e rebaixar así a súa factura total co fisco.
n
n
A nova fórmula, segundo os cálculos do departamento de Algirdas Semeta, comisario europeo de Fiscalidade, permitirá ás multinacionais reducir a súa factura fiscal en 1300 millóns de euros anuais e aforrar ata 700 millóns de euros en gastos de tramitación nas súas liquidacións de impostos. "Por iso non debe estrañarnos", sinalou Semeta en rolda de prensa, "que a maioría das empresas europeas mostrase xa o seu apoio á base común".
n
n
A proposta, non obstante, supón un reto para as facendas nacionais, que verán minguados os seus ingresos pola vía do imposto de sociedades. A harmonización de deducións permitirá ás empresas, ademais, identificar claramente os países con maior presión fiscal e concentrar recursos, se o desexan, nos máis benignos. Semeta recoñeceu que a "competencia fiscal será máis clara", pero non prevé "unha carreira á baixa nos tipos do imposto".
n
n
Cabe o risco, non obstante, de que os Estados compensen as perdas desa canle a través dos impostos indirectos ou sobre os salarios, o que podería repercutir no poder adquisitivo dos cidadáns. O propio estudo de impacto da Comisión recoñece que a proposta só xerará "lixeiras ganancias para o benestar da sociedade" fronte aos enormes beneficios que reportará ás multinacionais. Semeta insistiu en que toda Europa sairá beneficiada porque a harmonización "atraerá investimentos" ao continente e "xerará postos de traballo".
n
n
O comisario recordou tamén que cada país manterá o dereito a fixar o tipo de imposición que desexe, unha mensaxe que non parece tranquilizar a Irlanda, un pequeno país que ingresa máis de 5000 millóns de euros co imposto de sociedades (31.000 millóns en España) grazas ás vantaxes fiscais que ofrece.
n
n
Así se repartirá a recadación
n
n
A harmonización da base impoñible prevista no proxecto de directiva aprobado onte permitirá ás empresas pagar o imposto de sociedades sobre toda a súa actividade europea no seu país de orixe. A facenda principal remitirá o resto de países onde opera a compañía unha parte da recadación.
n
n
Para proceder á repartición calcularase primeiro a base impoñible total da compañía, sumando as ganancias ou perdas en todos os mercados. A base resultante divídese entre os países en función da presenza da compañía en cada mercado, calculada conforme a tres criterios: activos, emprego (número de traballadores e masa salarial) e facturación. Por último, a parte asignada a cada país grávase co tipo de imposición vixente en cada Estado. Unha empresa domiciliada, por exemplo, en Irlanda, pagará o 12,5% sobre a base correspondente a ese país. Pero o 34% sobre a súa actividade en Francia.
n
n
(Fonte: Cinco Días)
n