A estratexia galega foi presentada en Santiago ante máis de 300 representantes do ámbito económico, académico, político e da administración, tanto galega como estatal e europea -acudiron a secretaria de Estado de I+D+i, o delegado do Goberno, o vicepresidente da Xunta e os conselleiros de Educación, Facenda, Economía e Sanidade-.
No acto fíxose unha presentación da estratexia galega, que identifica tres retos: a xestión innovadora dos recursos naturais e culturais, cambiar o modelo industrial e avanzar nun novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.
O comisario Hahn eloxiou o traballo da Xunta e indicou que no deseño do novo período presupostario europeo se buscou transformar a economía para facela “competitiva”. “Tiñamos ante nós o problema da falta de competitividade de Europa; simplemente non somos capaces de igualar aos nosos competidores internacionais”, dixo.
Para lograr o obxectivo, dixo, a repartición dos fondos estruturais e os investimentos debía seguir “un coidadoso deseño” e as directrices dadas ás rexións e aos estados membros poñían no “centro” a investigación, a innovación e a especialización intelixente. Ademais, destacou a importancia de implicar a todos os ámbitos vinculados no deseño deses plans, algo que en Galicia, dixo, fíxose.
O proxecto galego, segundo o comisario, é “impresionante”. “É unha das mellores estratexias de especialización intelixente que vimos”, incidiu e deu o seu “parabén” polo traballo feito. Non obstante, destacou que “isto é só o principio, aínda hai moitos retos por diante”.
Un deles é cambiar a mentalidade respecto ao fracaso empresarial, á que se referiu como “enfermidade europea”. Cando un emprendedor non logra consolidar o seu negocio, proseguiu, prodúcese unha “estigmatización” desa persoa, mentres que noutras partes do mundo, como Estados Unidos, o fracaso é parte da traxectoria de éxito de calquera, engadiu e animou a cambiar esta percepción e facer que cando alguén inicia un negocio reciba apoio e, se non triunfa, “darlle unha segunda ou unha terceira oportunidade”.
Ademais, fixo fincapé en que na Unión Europea existen “moi boas capacidades investigadoras”, pero trasládanse os resultados con éxito á produción de bens manufacturados ou servizos para comercializalos. Este, destacou, é “un dos grandes problemas en Europea” e “a estratexia de especialización intelixente é unha grande oportunidade para pechar esta brecha”. “Por iso é tan importante ter unha cooperación moi próxima entre o mundo académico e o empresarial”, resaltou.
Hahn considera que “Galicia entendeu realmente a especialización intelixente e o concepto e o proceso detrás” e felicitou a comunidade por facer un documento “excelente”.
O “manual de instrucións”
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a estratexia de especialización intelixente é “a folla de ruta” e o “manual de instrucións” para transformar a economía galega. “Confiamos o futuro á innovación”, asegurou e destacou que se a comunidade logra ser líder neste ámbito, será “atractiva para investir”.
Os “eixes” consisten en introducir a innovación no ADN dos sectores produtivos, en aumentar a implicación do capital privado na busca de novos produtos e procesos, en trasladar os resultados ao mercado e en dar apoio ao “emprendemento innovador e ao talento investigador”.
Polo seu lado, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, manifestou que a RIS3 debuxa a Galicia que será “dentro de sete anos”: “máis competitiva e máis capaz de crear emprego de calidade a través da innovación”.
Sendas “paralelas”
Pola súa banda, a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, incidiu na necesidade de cooperar e coordinarse entre o Goberno central e as comunidades. “Cando os camiños e as estratexias van paralelos conséguense moitas cousas”, afirmou.
Galicia, destacou Vela, colocou a I+D+i “en primeiro lugar do seu escenario político e social” e “entendeu dende o primeiro momento” a orientación que a UE quere dar ás políticas. A RIS3, proseguiu, é “un extraordinario exercicio” porque “compromete a todos un pouco” e fai “pensar”. “Se pensamos ben, desenvolveremos unha senda frutífera e conseguiremos que resultado da I+D+i sexa o benestar dos cidadáns”.
Así, mostrou a súa confianza no bo uso que se fará dos fondos europeos e chamou a establecer “paralelismos entre as estratexias” das comunidades e do Estado e cos obxectivos da UE para 2020, o que permitirá coller “a escaleira da excelencia”. “Somos verdadeiramente fans do traballo conxunto”, afirmou e avogou por facer realidade “frases tan bonitas” como “potenciar sinerxías, crear masa crítica e ser complementarios”.
O documento
A estratexia de especialización intelixente prevé mobilizar entre 2014 e 2020 máis de 1600 millóns de euros.
Dentro do primeiro reto, o de innovar na xestión dos recursos naturais e culturais, identifica como obxectivos poñer en valor os residuos e os descartes da actividade pesqueira e conserveira; modernizar a acuicultura; facer explotacións máis eficientes e innovar nos produtos; modernizar o turismo e as industrias culturais a través das TIC; e avanzar na obtención de enerxía con biomasa, a forza das ondas, a eólica offshore ou con biocombustibles de orixe mariña.
En canto á modernización da industria, a aposta é por favorecer os modelos de negocio baseados na innovación e a tecnoloxía; pola innovación en procesos produtivos; e por promover un sector tecnolóxico baseado na economía do coñecemento.
En canto ao novo modelo de vida saudable, a Xunta proponse converter Galicia na rexión “líder” no sur de Europa na aplicación de novas tecnoloxías para o envellecemento activo e a autonomía persoal e diversificar o sector alimentario pensando no desenvolvemento de produtos, por exemplo, para persoas con determinadas enfermidades.
O informe resumo da RIS3 pode consultarse aquí.
(Fonte: Europa Press)