E é que poñer en marcha novas ideas converteuse nunha das grandes pancas para impulsar o crecemento das empresas. Debido ás súas vantaxosas condicións, o instrumento espertou un grande interese entre as compañías da Unión Europea, con 2666 solicitudes presentadas na primeira rolda de subvencións, de entre as cales 39 empresas españolas foron recentemente seleccionadas pola Comisión Europea para beneficiarse desta iniciativa.
Soraya Gamonal, responsable de I+D de Lowendalmasaï -consultora que xestiona a preparación de solicitudes para esta convocatoria-, explica que para ser un dos candidatos, os negocios deben pertencer a un dos estados membro da Unión Europea e adaptarse á definición de peme que esta aplica ás súas subvencións.
“As empresas teñen que ter potencial de crecemento”, apunta esta experta. E é que o programa se dirixe a aquelas compañías que xa teñen certa consolidación e cuxa ambición é internacionalizarse.
As empresas que conten con esa vocación de expansión, deben presentar un proxecto de innovación que se enmarque nunha das áreas previstas no programa: liderado industrial ou retos sociais, que dan cabida a iniciativas moi diversas de practicamente todos os sectores.
O instrumento dividiuse en tres fases. Na primeira, que dura seis meses, desenvólvese o business plan, para o cal se concede unha axuda de 50.000 euros ás compañías seleccionadas e asígnaselles un mentor, coa intención de que poidan levar a cabo un estudo de viabilidade tanto tecnolóxica como económica do seu proxecto.
A segunda etapa concibiuse para o desenvolvemento como tal dun proxecto de I+D ao longo de dous anos, incluíndo a realización de probas e prototipos, e conta cun presuposto de entre un e tres millóns de euros para cada empresa (a Comisión adoita financiar un 70% desa cantidade).
Por último, o terceiro estadio aborda a comercialización daquelas iniciativas que pasaran con éxito polas fases anteriores e adoita consistir no contacto con business angels ou fondos de capital risco.
Avaliacións cada tres meses
As pemes que desexen acceder a estas axudas poden presentar as súas solicitudes ao longo de todo o ano, aínda que as avaliacións se fixaron cada tres meses. O 24 de setembro será o novo corte para os interesados na Fase 1, mentres que o 9 de outubro terá lugar o da Fase 2. “Algunhas empresas que contan cun plan moi potente poden acceder directamente á segunda fase”, argumenta Gamonal.
As candidaturas deben de constar na primeira etapa dun pequeno business plan e na segunda dunha memoria máis extensa na que se relata o impacto do proxecto no mercado.
“É moi importante facer fincapé na novidade do proxecto, explicar as diferenzas con outros similares xa presentados e as capacidades da empresa para levalo a cabo”, asegura a responsable de I+D de Lowendalmasaï, que tamén advirte que todo o proceso se leva a cabo en lingua inglesa.
Entre as principais vantaxes que ten para as empresas recibir axuda deste instrumento, a guía editada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) cita as posibilidades de crecemento dentro do proceso de globalización, así como a posibilidade de construír asociacións sólidas a nivel transnacional para investigar e innovar.
O Instrumento Peme e o programa H2020, en conxunto, permitirán aos negocios europeos avanzar xuntos cara á solución de problemas científicos, industriais e sociais.
(Fonte: Cinco Días)