Baixo a coordinación da Universidade de Vigo e Asime, as empresas Coasa de Ourense, Ana Muñiz de Dodro, Transportes Dalot de Mos e Academia Pin Factory de Vigo, reorganizaron a súa produción para elaborar e distribuír de xeito solidario 1.000 batas para o persoal sanitario e asistencial. Desde o grupo Encomat da Universidade de Vigo, no que participan docentes das áreas de Ciencia de Materiais, Enxeñaría Metalúrxica e Enxeñaría Química, a investigadora e vicerreitora de Transferencia, María Consuelo Pérez, sinala que a participación da institución académica neste proxecto centrouse en tarefas de xestión, achegando asesoramento técnico e comprobando que as características dos materiais fosen as axeitadas para a confección das batas, enmarcadas na iniciativa BatasCOVID19.
“Dado que o persoal sanitario sería un destinatario, un requisito do material sería a súa impermeabilidade e para cumprir con esa característica, seleccionouse un material bicapa. A capa interna é de polipropileno (PP), un material non tecido transpirable, sendo esta característica a principal vantaxe dos tecidos non tecidos. A capa externa é de polietileno laminado que achega a impermeabilidade”, explica a vicerreitora.
O corte da tea realizouse nas instalacións de Coasa, mentres que a confección levouse a cabo en Ana Muñiz, en Dodro. Pola súa banda, Academia Pin Factory ocupouse do patrón e Transportes Dalot da distribución. As empresas reconverteron a súa actividade, normalmente orientada ao sector aeronáutico, confección e transporte loxístico, respectivamente, e dedicaron os seus recursos e persoal a esta iniciativa solidaria, co obxectivo de contribuír a paliar o impacto da COVID-19 e previr contaxios.
Suma de forzas na loita contra o virus
As e os investigadores integrados en Cintecx e no Campus de Especialización Vigo Tecnolóxico que participan no proxecto consideran que a Universidade de Vigo, lugar de xeración de coñecemento e sen ánimo de lucro, debe estar ao servizo da sociedade. “A natureza altruista destas iniciativas puxeron de manifesto que, en situacións difíciles como as que se están a vivir, a colaboración directa Universidade-Empresa permite conxugar as capacidades produtivas do noso tecido empresarial cos coñecementos científico-tecnolóxicos da Universidade”, sinala María Consuelo Pérez.
Pola súa parte, Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, destaca que “desde Asime seguimos impulsando con toda a nosa determinación iniciativas solidarias para achegar o noso gran de arena na loita contra o coronavirus. Estas batas, totalmente solidarias e coas características necesarias para protexer aos sanitarios, son o resultado da excelente colaboración coa Universidade de Vigo e empresas galegas comprometidas con esta causa desde o primeiro momento”.
Para Ricardo Escolano, xerente de Coasa, “é un orgullo participar neste proxecto solidario, nun momento no que todos nos sentimos afectados cunha causa común”. Pola súa parte, José Luis Fernández, administrador de Ana Muñiz, pon de manifesto o esforzo realizado, “cambiando a nosa actividade, o que foi posible grazas ao noso persoal, ao que lle agradecemos enormemente a súa achega”. Mentres, Ramón Alonso, administrador de Transportes Dalot, lembra que lles foi doado involucrarse neste proxecto, “porque estamos afeitos a diario a facer entregas moi urxentes en toda Galicia”.
Fonte: DUVI (Universidade de Vigo)