A CEO e Tecnópole estreitan lazos co fin de atraer talento e incentivar o investimento

Promover a cooperación para o desenvolvemento de actuacións que permitan atraer talento e incentivar o investimento produtivo, ademais da implantación de novas iniciativas empresariais no territorio. Este é o fin último do convenio de colaboración asinado entre ambas as entidades empresariais, con Marisol Nóvoa por parte da CEO e Javier Taibo como director xerente de Tecnópole. As dúas organizacións continúan así unha traxectoria de cooperación iniciada hai anos.

Ambos os dirixentes coincidiron en que a cooperación e a unión de entidades en épocas tan complicadas como a actual é fundamental para “establecer canles de colaboración que beneficien ao tecido empresarial da provincia e atraia investimento para novos proxectos” apuntaba Nóvoa; mentres que Taibo salientaba que “a Tecnópole ansía achegarse ao tecido empresarial e que mellor maneira de facelo que a través da CEO para estreitar lazos de colaboración en beneficio do sector produtivo”.

Para lograr os obxectivos deste acordo, as dúas organizacións establecen que colaborarán en aspectos como a realización conxunta de xornadas, seminarios, eventos ou accións de interese común e para o tecido empresarial, ademais da promoción de calquera actividade levada a cabo pola outra entidade sempre que sexa do interese marcado neste acordo mutuo. Igualmente, as dúas entidades poñen as súas instalacións a disposición unha da outra, co fin de lograr unha maior interrelación de actividades e membros. Igualmente, tanto CEO como Tecnópole estudarán a posibilidade de pór en marcha calquera outra vía de colaboración ou proxecto que poida afianzar os propósitos do convenio asinados.

A piques de cumprir tres décadas de traxectoria, a Tecnópole constitúe unha comunidade de talento onde as iniciativas individuais se suman ás capacidades e ás visións compartidas, e a información e coñecemento permite pór en marcha empresas que medran, compiten e se sitúan dentro e fóra das nosas fronteiras. 

Fonte: Tecnópole