O Radar de Innovación da CE, unha iniciativa do Executivo comunitario para identificar innovacións potenciais e apoiar a innovadores clave, nomeou 40 proxectos segundo un modelo elaborado pola Dirección Xeral de Mercado Dixital Único (DG CONNECT) e o Instituto para Estudos Tecnolóxicos Prospectivos.
“As súas ideas poderían transformar áreas dende a loxística de transportes ata a xestión da auga, dende o tratamento de pacientes de cancro á xestión de poboacións de abellas”, indicou a CE nun comunicado.
Os candidatos españois para a edición deste ano son o Centro Nacional de supercomputación de Barcelona, o Grupo de Investigación sobre Tecnoloxías Interactivas da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e as empresas Brainstorm e Nommos.
O comisario europeo de Economía e Sociedade Dixital, Günther Oettinger, declarou que “con Horizonte 2020 a UE está a investir fortemente para apoiar os innovadores dixitais”.
Horizonte 2020 é a iniciativa da Unión Europea na que se concentran a maioría das actividades de investigación e innovación (antes chamado programa marco) e, segundo a Secretaría de Estado de I+D+i española, España está detrás de Alemaña e Reino Unido respecto á contía das axudas recibidas.
Oettinger destacou que nesta década se lanzaron “miles de proxectos de investigación e innovación cun enfoque dixital financiados pola UE”.
“Agora estamos a punto de revelar cales deles están mellor posicionados para levar os seus resultados ao mercado ou teñen o potencial para causar maior impacto”, engadiu.
A votación permanece aberta durante todo o mes de agosto na páxina web da convocatoria para identificar 16 innovadores, catro por cada categoría.
Os seleccionados poderán expoñer as súas ideas ante un xurado experto durante o Día de Relatores de Tecnoloxías da Información e a Comunicación, que se celebrará o próximo 26 de setembro en Bratislava (Eslovaquia).
Como na edición anterior, na que se alzou vitoriosa a empresa eslovaca Broadbit, o xurado elixirá un gañador por cada categoría, así como un gañador final ao cal se dedicará un programa na cadea paneuropea Euronews.
(Fonte: eldiario)