Cantos proxectos para aproveitar o vento como fonte de enerxía en Galicia se tramitan nestes intres? É difícil sabelo. Cada vez hai máis e desde a entrada da documentación nas administracións á publicación oficial pasan meses, pero as solicitudes de conexión á rede eléctrica ilustran moi ben o que está a pasar nas renovables en xeral e na eólica en particular. Galicia acumula 9300 MW en parques que teñen ese paso completado. Contan co “si” de Rede Eléctrica de España (REE) para engancharse a un dos enchufes do sistema para envorcar a súa produción -requisito previo, ademais, para conseguir o resto das autorizacións estatais e autonómicas- cando se acendan. Porque toda esa potencia está aínda sen construír e é máis do dobre que a que funciona nestes intres na comunidade, uns 4400 MW, segundo o balance que acaba de actualizar REE.
Os proxectos pendentes de eólica con autorización de acceso á rede eléctrica superan no Estado os 45.000 MW e hai 102.000 en fotovoltaica. Tanto a ministra Teresa Ribera como o vicepresidente galego Francisco Conde admitiron publicamente a existencia dunha burbulla renovable. No sector cundiu o temor de que os permisos de conexión se converteran en moeda dun mercado especulativo á calor da transición enerxética.
O Goberno central decidiu activar o 1 de xuño do pasado 2020 unha moratoria para, precisamente, frear a carreira por entrar no sistema eléctrico. Non se podían presentar novas solicitudes de acceso até o 1 de xullo deste ano. E o fin do veto nótase. REE recibiu en dous meses peticións para case outros 1000 MW de potencia eólica en Galicia e 100 de fotovoltaica.
Que pasará a partir de agora? Pois depende de varias cuestións. Máis das que se tiñan en conta antes. O fundamental ata que entrou en vigor a moratoria era que a instalación pedise engancharse a unha subestación que existe e dispoña de espazo libre ou a algunha nova prevista na planificación das infraestruturas eléctricas. De feito, REE negou o permiso xa a 2400 MW de proxectos de muíños que non cumprían eses requisitos en Galicia e a 119.200 MW en todo o país. Aos criterios que había engádense agora outros de carácter ambiental e socioeconómico nos nós con capacidade para que se enchufen máis de 100 MW na Península e por riba dos 50 MW nas illas.
Os permisos adxudicaranse a través de poxas que priorizarán os proxectos máis maduros, a tecnoloxía, a innovación e o impacto no territorio en termos de novo emprego, investimentos na zona ou o impulso á cadea industrial. Sete dos puntos de conexión reservados para poxas están en Galicia: Frieira, Mesón do Vento, Parque Eólico do Sil, Portodemouros, Sabón, Silleda e Xove.
O Goberno central abre unha cota de 3300 MW en eólica e fotovoltaica con prazos acelerados para conseguir canto antes aumentar a produción verde e paliar o impacto dos prezos do gas e dos dereitos de dióxido de carbono no prezo da electricidade no mercado almacenista, o pool. Hai unha reserva de 600 MW para centrais que estean listas nun prazo máximo de oito meses. Outros 300 van destinados a proxectos de xeración solar distribuída que fomenten a cooperación local. O resto serán 1500 MW de eólica, 700 de solar e 200 libres.
Fonte: Faro de Vigo