“A biotecnoloxía ten xa moitas capacidades instaladas en Galicia e a aposta é definitiva para convertelo en estratéxico”, apuntou Conde, que acudiu ao encontro no que participaron en torno a corenta firmas “biotech” e outras empresas de sectores como as industrias do mar e a agroalimentación.
O conselleiro de Economía resaltou que o sector bio basea a súa capacidade competitiva no talento “e na capacidade de desenvolver I+D+i por parte dos nosos investigadores, tamén a través de proxectos relevantes para a economía de Galicia”, apuntou.
“Seguiremos apoiando o talento e os investigadores para provocar un efecto multiplicador no sector biotecnolóxico de Galicia”, asegurou o conselleiro, que anunciou medidas para incorporar novos talentos investigadores ao tecido produtivo.
“A través do programa Principia incorporaremos 200 investigadores menores de 35 anos en empresas e centros de investigación de Galicia, o que permitirá contratar persoal novo e cualificado que achegará innovación ao traballo das empresas galegas”, indicou.
Pola súa banda, a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Carme Pampín, resaltou o potencial bio de Galicia. Puxo o exemplo de que en cinco anos o sector pasou de estar integrado de cinco a cincuenta compañías biotech. “Galicia pretende ser unha comunidade autónoma clave no ámbito biotech”, sinalou.
(Fonte: El Ideal Gallego)