A Axencia Galega de Innovación activa un servizo de apoio a pemes para preparar solicitudes ao programa de internet do futuro da UE

A Axencia Galega de Innovación (Gain) acaba de activar un novo servizo de apoio a pemes para ofrecer apoio integral na preparación de solicitudes para presentar o programa da internet do futuro da Unión Europea (UE). Este servizo foi presentado hai uns días durante a celebración dunha xornada retransmitida por Tecnópole vía videoconferencia para as empresas de Ourense.

O programa europeo Future Internet Public Private Partnership (FI-PPP) pon a disposición das pemes e emprendedores 80 millóns de euros para o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores empregando a tecnoloxía despregada nas anteriores fases do programa.

O acceso a este financiamento articularase a través de diferentes convocatorias xestionadas polas aceleradoras seleccionadas na etapa anterior da iniciativa, que contan con diferentes orientacións temáticas (e-health, enerxía e medio ambiente, smart cities, etc.) para que os servizos de aceleración que se prestarán a entidades seleccionadas se adapten plenamente ás necesidades de cada proxecto.

Ademais dunha axuda que oscilará entre os 50.000 e os 150.000 euros, accederase a un excelente ecosistema de innovación con servizos de soporte a nivel internacional: mentoring, networking, formación e acceso a investidores especializados, entre outros.

Proceso de asesoramento personalizado

As pemes e emprendedores que desexen acceder ao servizo de asesoramento da Gain deben encher un formulario online que recolle datos básicos sobre a empresa e o proxecto susceptible de presentación ao programa (breve descrición, estado do proxecto, impacto previsible, etc.).

Unha vez recibida esta información, a Gain comprobará que os proxectos cumpran os requisitos do programa e fará unha selección daqueles 50 con maior potencial de financiamento. Entre estes, farase unha análise de aceleradoras que máis se adecúan a cada proxecto e explicaránselle as condicións destas.

Finalmente, valorarase conxuntamente co solicitante a idoneidade da presentación a cada unha das convocatorias posibles, revisarase o proxecto a presentar e daráselle formación para a súa presentación.

Máis información aquí.

(Fonte: Gain)